Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Transición Ecolóxica abre os parques da cidade, unha vez rematada a alerta por vento, mentres activa un dispositivo especial para afrontar o temporal de neve

Transición Ecolóxica abre os parques da cidade, unha vez rematada a alerta por vento, mentres activa un dispositivo especial para afrontar o temporal de neve

A concesionaria do servizo de limpeza destinou máis persoal e medios para a retirada de neve e o esparexemento de sal en rúas e beirarrúas, a fin de garantir a seguridade.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Medio ambiente,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Venres, 23 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo informa da apertura dos parques da cidade, a través da área de Transición Ecolóxica, unha vez rematada a alerta por vento que onte obrigou a tomar esta medida para garantir a seguridade da cidadanía. O forte vento, con rachas de ata 70 quilómetros por hora, provocou a caída dalgunha rama pequena, pero non se rexistraron danos importantes nas zonas recreativas da cidade. Esta alerta supuxo tamén a activación do Plan de Emerxencias Municipal, que hoxe continúa ante a alerta por neve.

De feito, se prevé que a cota de neve baixe ao longo da xornada, dos 800 ou 700 metros ata os 400 metros ao final do día, con probabilidade de xistra. Ante a previsión do temporal de neve, a área de Transición Ecolóxica do Concello, a través da empresa concesionaria do servizo de limpeza, activou un dispositivo con máis persoal e medios.

O protocolo de actuación establece que todos os peóns de limpeza viaria estean equipados nos seus carros con sal por se fose necesario aplicar nalgunha zona, debido á xeada, evitando así posibles caídas. Así mesmo, dispoñen de todo o material necesario para retirar a neve das beirarrúas e zonas de paso, a fin de garantir o transito coa máxima seguridade posible. Igualmente, poranse a disposición esparexedores de sal manuais para axilizar a repartición por rúas e beirarrúas e varredoras para retirar e desfacer a neve que se poida acumular, co cepillo de brazo.

Desde este servizo habilitaranse tres furgóns para atender urxencias e incidencias, con dous peóns que irán equipados de todos os medios materiais para retirar a neve e limpar as zonas que poidan ser perigosas para os viandantes. Tamén dispoñerán de sal para esparexer nas zonas en que poida xerarse xeo ou sexan esvaradías. Neste dispositivo especial haberá ademais tres camións de caixa aberta cargados de sal, un deles para atender as necesidades que traslade a Policía Local; outro equipado con coitela para a retirada de neve e para esparexer sal na zona do HULA; e un terceiro itinerante pola cidade.

Por último, haberá outros tres vehículos auxiliares con dúas traballadoras repartindo sal por aquelas zonas que así o requiran ou atendendo as suxestións e indicacións que fagan Protección Civil e  Policía Local.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/transicion-ecoloxica-abre-os-parques-da-cidade-unha-vez-rematada-alerta-por-vento-mentres