A Tenencia de Alcaldía solicita á xunta que repare e recoloque a marquesiña do bus instalada en Castelo
Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, afirmou que "esta infraestrutura é responsabilidade da Xunta, ao tratase dunha estrada galega".
O edil de Infraestruturas Urbanas reclamou que se repare "o máis rapidamente posible para garantir que a veciñanza de Castelo conte cun espazo acondicionado para agardar o bus".
- Tema
- Infraestruturas,
- Buses urbanos,
- Transporte,
- Urbanismo

O concelleiro responsábel de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, trasladou á Xunta de Galiza a reclamación da veciñanza de Castelo para acondicionar a marquesiña do transporte público. Penas explicou que "esta marquesiña foi instalada pola Xunta e o seu mantemento corresponde a esta administración, malia que sexa utilizada para o transporte urbano", explicou Alexandre Penas, que engadiu "trátase de que cada administración se faga cargo das súas responsabilidades, do mesmo xeito que o Goberno de Lugo habilita e asume o mantemento de paradas para o transporte interurbano onde é necesario".
A propia Lei 8/2013, de Estradas de Galiza, define como Dominio público viario ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galiza e os terreos ocupados polos elementos funcionais destas estradas. As marquesiñas son consideradas como un elemento funcional, polo que o seu mantemento corresponde tamén á Xunta de Galiza.
"Seguimos traballando na ampliación do mobiliario urbano, escoitando sempre as solicitudes da veciñanza e buscando a mellora da imaxe da cidade", afirmou Alexandre Penas, que engadiu "agardamos axilidade por parte da Xunta de Galiza á hora de asumir unha intervención da súa responsabilidade, garantindo que unha zona cunha ampla densidade de poboación non perda servizos".
Audio
- O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a marquesina de Castelo | Descargar mp3 [1]
