Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Tenencia de Alcaldía planifica a ampliación dos vieiros escolares ao CEIP As Mercedes

A Tenencia de Alcaldía planifica a ampliación dos vieiros escolares ao CEIP As Mercedes

Iria Buide, concelleira de Educación, destacou que este servizo "que permite facilitar a conciliación familiar e os hábitos de vida saudables, ademais de reducir o tráfico na contorna dos centros de ensino".

Buide, acompañada por Rubén Arroxo, mantivo un encontro coas nenas e nenos que participaron a diario nos Vieiros Escolares desde o inicio do curso.

  • Tema
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Formación
Sábado, 13 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía planifica a ampliación dos vieiros escolares ao CEIP As Mercedes

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, mantivo un encontro coas nenas e nenos que formaron parte do proxecto "Camiño ás Aulas", os Vieiros Escolares Seguros organizados pola Tenencia de Alcaldía que permiten ás nenas e nenos dos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro chegar desde os seus fogares ata o colexio "nun percorrido seguro que ademáis de fomnentar hábitos saudables, permite ás nenas e nenos coñecer os espazos peonís creados nos últimos anos", explicou Iria Buide, que lembrou que este servizo "facilita a conciliación familiar, ademais de reducir o tráfico rodado na contorna dos colexios".

A concelleira de Educación anunciou que de cara aos vindeiros meses, a Tenencia de Alcaldía estuda ampliar o servizo, poñendo en marcha unha nova ruta no CEIP As Mercedes, e lembrou que o proxecto "Camiño ás Aulas" consiste no acompañamento do estudantado por monitores todos os días do curso escolar. Cada ruta conta con distintos puntos de recollida "para facilitar que as nenas e nenos se unan ao percorrido no punto máis próximo ao seu fogar", e a chegada aos centros realízase, como máximo, 5 minutos antes da hora de entrada.

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Iria Buide, que afirmou, "as distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos anos permítennos que os distintos centros poidan contar con vieiros escolares garantindo a seguridade viaria ao desfrutar dun tráfico calmado".


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tenencia-de-alcaldia-planifica-ampliacion-dos-vieiros-escolares-ao-ceip-mercedes