Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Tenencia de Alcaldía inicia unha nova edición dos hortos escolares no CEIP Luís Pimentel

A Tenencia de Alcaldía inicia unha nova edición dos hortos escolares no CEIP Luís Pimentel

Buide: “As actividades pretenden amosar as labores propias dos hortos e sumar coñecementos da cultura tradicional galega”.

O programa comezou hoxe con tres grupos do CEIP Luís Pimentel e desenvolverase con 7 sesións en 22 grupos de 6º de Infantil.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Educación,
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Medio ambiente
Luns, 09 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía inicia unha nova edición dos hortos escolares no CEIP Luís Pimentel

A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil. Rubén Arroxo e Iria Buide visitaron o colexio Luís Pimentel, onde hoxe comezou a actividade neste curso.

Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, explicou que “estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental”. Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas cos ciclos do ano.

O horto, xunto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais relacionadas cos ciclos do ano, é unha experiencia na que se pode participar en calquera etapa da vida, pero é, sen dúbida, nas primeiras etapas educativas onde a estimulación dos sentidos é máis importante. Por iso, esta actividade supón un recurso educativo de grande interese para que nenos e nenas de curta idade vivan, experimenten e gocen do traballo no contorno natural, intervindo nel dun xeito consciente e responsable e desfrutando ao mesmo tempo da música, das cantigas, das celebracións e dos xogos tradicionais relacionados con estes traballos.

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e utilizarán ferramentas diferentes ás de uso cotián. Ao mesmo tempo, achegaráselles o coñecemento de músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionadas co ciclo do ano e coa natureza.

Neste curso as actividades comezaron hoxe, 9 de marzo, con tres grupos do CEIP Luís Pimentel. Ao longo do programa impartiranse 7 sesións en 22 grupos de 6º de Infantil, e no verán realizaranse tamén 4 sesións nas dúas escolas infantís de xestión directa do Concello, a EIM Gregorio Sanz e a EIM Serra de Outes.

Audio

  • A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre os Hortos Escolares | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tenencia-de-alcaldia-inicia-unha-nova-edicion-dos-hortos-escolares-no-ceip-luis-pimentel

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/260309_iria_buide_hortos_escolares.mp3