Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Tenencia de Alcaldía impulsa unha nova edición do Zumbanocoiro, que se celebrará o 23 de maio na Praza de Santa María

A Tenencia de Alcaldía impulsa unha nova edición do Zumbanocoiro, que se celebrará o 23 de maio na Praza de Santa María

O cartel desta edición estará composto por tres propostas destacadas da escena galega como son Unto Vello, Mediarea e Os Carecos.

Maite Ferreiro: “Zumbanocoiro representa un exemplo do traballo que estamos a desenvolver para achegar a cultura á veciñanza e dinamizar os espazos públicos da cidade".

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Música,
    • Xestión cultural
Martes, 28 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía impulsa unha nova edición do Zumbanocoiro, que se celebrará o 23 de maio na Praza de Santa María

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo continúa a reforzar o seu compromiso coa cultura de base e coa música tradicional galega a través do apoio á nova edición do festival Zumbanocoiro, que terá lugar o vindeiro 23 de maio de 2026 na Praza de Santa María.

O evento, organizado pola asociación A Volta do Agro, conta coa colaboración do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, nunha aposta conxunta por consolidar unha cita cultural que pon en valor a música de raíz e o talento local.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que “Zumbanocoiro representa un exemplo do traballo que estamos a desenvolver para achegar a cultura á veciñanza e dinamizar os espazos públicos da cidade, apostando por propostas que reforzan a nosa identidade”.

Pola súa banda, Rubén Arroxo subliñou a importancia de “apoiar iniciativas que nacen do tecido asociativo e que contribúen a construír unha programación cultural diversa, accesible e de calidade para toda a cidadanía”.

O cartel desta edición estará composto por tres propostas destacadas da escena galega como son Unto Vello, Mediarea e Os Carecos. A Praza de Santa María converterase así nun punto de encontro para o público, nun ambiente festivo e participativo arredor da música tradicional.

Desde a Tenencia de Alcaldía animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición de Zumbanocoiro, consolidando Lugo como un referente na promoción da cultura galega.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tenencia-de-alcaldia-impulsa-unha-nova-edicion-do-zumbanocoiro-que-se-celebrara-o-23-de-maio