Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade coa licitación do reasfaltado de diversas rúas

A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade coa licitación do reasfaltado de diversas rúas

Rubén Arroxo: "seguimos traballando para garantir a seguridade viaria traballando nun firme axeitado nas distintas zonas de Lugo e avanzando no calmado do tráfico".

Vén de abrirse o procedemento para licitar a rexeneración do firme en treitos da avenida das Fontiñas e da rúa Mariña Española, entre Ramón Ferreiro e Armórica.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Sábado, 07 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía continúa coas melloras na cidade coa licitación do reasfaltado de diversas rúas

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a apertura da licitación dos traballos de renovación do firme na Avenida das Fontiñas, entre os números 254 e 310, e na rúa Mariña Española, no treito que une Ramón Ferreiro coa rúa Armórica. Arroxo explicou que "son zonas que contan cun firme moi desgastado e é preciso intervir para garantir a seguridade viaria, ao avanzar tamén na instalación de elementos de calmado do tráfico e o bo estado dos espazos públicos".

Arroxo afirmou que "desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando os traballos en base ás visitas aos barrios e ás reclamacións da veciñanza", e explicou que os traballos consistirán na instalación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, e na renovación da sinalización horizontal unha vez rematen os traballos. Ademais, na rúa Armórica instalarase un novo elemento de calmado do tráfico.

O Goberno de Lugo vén de abrir o proceso de licitación desta obra, cun orzamento base de 96.798,98€, e un prazo de execución de 12 semanas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 20. A Tenencia de Alcaldía planifica a realización destas intervencións aproveitando as condicións climáticas favorables desta época do ano, xa que o bo tempo é esencial para garantir a calidade do asfaltado, garantindo que a solución aplicada dure o máximo tempo posible en bo estado.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tenencia-de-alcaldia-continua-coas-melloras-na-cidade-coa-licitacion-do-reasfaltado-de