Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Tenencia de Alcaldía apoia os obradoiros de divulgación "Ciencia á Feira", que achegan á veciñanza a labor investigadora do Campus Terra

A Tenencia de Alcaldía apoia os obradoiros de divulgación "Ciencia á Feira", que achegan á veciñanza a labor investigadora do Campus Terra

Maite Ferreiro e Cristina López, xunto con representantes da FECYT e integrantes do grupo XuvenLab da USC, presentaron a iniciativa que chega o vindeiro xoves ao colexio e á feira de Nadela.

Ciencia á Feira aborda na súa segunda edición a resistencia a superbacterias, o valor do monte comunal, o impacto económico das velutinas e os bosques como sumidoiros de carbono.

Ferreiro destacou a importancia "de achegar a ciencia á veciñanza con actividades que amosan o importante traballo do Campus de Lugo".

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Desenvolvemento local,
    • Formación,
    • Novas tecnoloxías
Martes, 25 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía apoia os obradoiros de divulgación "Ciencia á Feira", que achegan á veciñanza a labor investigadora do Campus Terra

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada pola edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, presentaron as actividades do programa "ciencia á feira" que desenvolverá o grupo XuvenLAB da USC e que contan co apoio da Tenencia de Alcaldía. Ferreiro estivo acompañada na presentación por representantes da FECYT, patrocinadora do programa, e por representantes do grupo liderados por Ana Cabana.

Maite Ferreiro destacou a importancia do Campus de Lugo, e afirmou que "un ano máis, desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera". As actividades de "ciencia á feira" celebraranse en Lugo este xoves, 27 de febreiro na Feira de Nadela e no Colexio, amosando a todas as persoas que se acheguen unha serie de obradoiros e demostracións arredor da importancia dos montes comunais.

Ciencia á Feira propón 4 actividades para o curso 2024/2025, que versan arredor da  resistencia a superbacterias, a singularidade do monte veciñal en man común, o impacto sobre a economía das velutinas e as posibilidades de negocio dos bosques como sumidoiros de carbono son as novas liñas temáticas. O equipo de XuvenCiencia aproveitará un curso máis as feiras e mercados tradicionais para divulgar e visitará centros escolares de oito municipios: A Fonsagrada, Castro de Rei, Castroverde, Foz, Lugo (Nadela), Melide, Palas de Rei e Triacastela.

As catro liñas temáticas están escolmadas de entre algúns dos ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven desde o Campus Terra. Ao mesmo tempo, resultan relevantes no contexto actual no que se constitúe coma un reto dos máis urxentes a procura dun modelo produtivo e económico que garanta tanto a provisión segura de alimentos como a saúde das persoas e dos animais e a preservación dos valores ambientais e culturais da nosa contorna.

Maite Ferreiro valorou “o interese destas actividades que divulgan coñecementos cunha aplicación inmediata na vida cotiá e que, máis aló diso, trasladan a importancia do coñecemento científico e da labor investigadora para a sociedade en xeral, poñendo en valor especilamente o traballo das investigadoras no Campus Terra que están detrás desta iniciativa”.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o "Ciencia á Feira" | Descargar mp3 [1]
  • A representante do FECYT, Ana Cabana, sobre o "Ciencia á Feira" | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tenencia-de-alcaldia-apoia-os-obradoiros-de-divulgacion-ciencia-feira-que-achegan-vecinanza

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20250225_maite_ferreiro_ciencia_a_feira.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20250225_ana_cabana_ciencia_a_feira.mp3