Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Sonia Méndez critica os recortes do Goberno de Rajoy e anuncia que o Goberno local renuncia a paga extra de Nadal

Sonia Méndez critica os recortes do Goberno de Rajoy e anuncia que o Goberno local renuncia a paga extra de Nadal

  • Tema
    • Economía
Xoves, 12 de xullo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou esta mañá que os membros do Goberno local renuncian á paga extra do Nadal e criticou as reformas levadas a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy.

Sonia Méndez manifestou que “dende o Goberno local estamos totalmente en contra das medidas presentadas onte polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que unha vez máis afecta aos máis débiles e atacan directamente ao funcionariado público que sempre son as vítimas dos recortes”. A responsable da área económica incidiu en que “é unha inxustiza que paguen as malas decisións do Goberno do PP os máis desfavorecidos como son os desempregados, xubilados e autónomos.”

Ademais insistiu en que “estas medidas non van supoñer un aforro para as administracións” e explicou que “Rajoy presumiu de que ía conseguir importantes aforros pero isot non é así e o que vai conseguir é dificultar a realización de pagos”. Así, puxo como exemplo o Concello de Lugo, “para o que esta suba do IVE vai supoñer un desembolso mínimo de 1,5 millóns de euros a maiores do presupostado para realizar o pago de servizos e obras que prestamos aos cidadáns.”

Tamén anunciou que, se estas medidas seguen adiante, os membros do Goberno local “renunciarán a paga extra de Nadal, aínda que o decreto non obrigue a iso, xa que nos adiantamos e solidarizamos coa función pública do Concello de Lugo”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/sonia-mendez-critica-os-recortes-do-goberno-de-rajoy-e-anuncia-que-o-goberno-local-renuncia