Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Seguridade Social cédelle unha parcela ó Concello para dar acceso ó paseo interior da Muralla na zona de San Marcos

A Seguridade Social cédelle unha parcela ó Concello para dar acceso ó paseo interior da Muralla na zona de San Marcos

Luns, 28 de marzo de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director Provincial do INSS e a Tesorería Xeneral da Seguridade Social, Juan Carlos González Santín, asinaron hoxe un convenio que supón un novo paso na creación do paseo interior da Muralla.

O convenio é para a cesión de uso dun terreo de 105 metros cadrados, que é propiedade da Tesorería General da Seguridade Social e está situado na parcela na que está construído o Centro de Saude da praza do Ferrol.

Trala sinatura do acordo, o Alcalde agradecéulle ó Director Provincial do INSS e da Tesorería da Seguridade Social as xestións que fixo para que “os lucenses disfrutemos do paseo interior da Muralla ó facilitar con este acordo o accesos xardíns da Deputación provincial”.

López Orozco indicou que este acordo entre institucións pode servir de exemplo para que os propietarios de terreos situados ó pé da Muralla se animen a acollerse á liña de subvencións por importe de 500.000 euros que vén de poñer en marcha o Concello para acondicionar o interior da Muralla e tratar de aumentar os treitos de paseo que xa están abertos.

Pola súa parte, Juan Carlos Santín asegurou que se trata dunha nova colaboración entre as dúas institucións e indicou que “é un placer colaborar para facer unha cidade cada vez máis habitable”. Tamén explicou que se trata dunha cesión de uso gratuíta.

O convenio establece que a cesión de uso non afectará á propiedade e que a actuación que realizará o Concello consistirá na demolición do peche actual e o axardinamento da zona, a base de plantas e cubos de granito, tal como se vai facer no espazo libre da parcela colindante adicada a vivendas.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/seguridade-social-cedelle-unha-parcela-o-concello-para-dar-acceso-o-paseo-interior-da-muralla