Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Sánchez Piñón realiza un percorrido polas instalacións do viveiro de empresas do IES Politécnico de Lugo

Sánchez Piñón realiza un percorrido polas instalacións do viveiro de empresas do IES Politécnico de Lugo

Venres, 13 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A conselleira de Educación salientou que esta iniciativa contribúe a fomentar o autoemprego por parte do alumnado

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, realizou unha visita esta mañá ao Instituto de Educación Secundaria (IES) Politécnico de Lugo, un dos seis centros galegos que están a participar no proxecto FP Emprende, unha iniciativa pioneira que ten por obxectivo axudar ao alumnado de Formación Profesional a crear a súa empresa desde os centros educativos, a través de viveiros de empresas.

Sánchez Piñón, que estivo acompañada polo alcalde de Lugo, José López Orozco, e polo director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, tivo a oportunidade de coñecer as instalacións deste viveiro, que conta con tres espazos habilitados para este fin. O viveiro consiste nun local acondicionado para a actividade empresarial que se cede, de xeito gratuíto e durante dous anos, ás persoas participantes no proxecto para que poñan en funcionamento o seu proxecto empresarial.

Deste xeito, Laura Sánchez Piñón afirmou que a Consellería de Educación acondicionou os espazos dos centros que desenvolven os viveiros, dotándoos de recursos suficientes para abordar o proxecto empresarial, como ordenadores, Internet, teléfono e fax, impresora e fotocopiadora. Así mesmo, os emprendedores poden empregar os recursos existentes noutras dependencias, como obradoiros ou laboratorios. Estes viveiros contan ademais cun titor, que acompaña aos emprendedores en todo o proceso de creación da empresa, así como co asesoramento do IGAPE e BIC Galicia.

A máxima responsable do departamento educativo galego afirmou que esta iniciativa ten por obxectivo "fomentar o autoemprego" por parte do alumnado, e explicou que se dirixe ao alumnado de FP maior de idade que curse o último ano dun ciclo formativo, así como a persoas tituladas en FP nos dous últimos anos.

Pola súa banda, a directora do centro, Mónica Ramos, salientou que un alumno do centro xa puxo en marcha o seu proxecto empresarial, baseado no aproveitamento do refugallo forestal para producir enerxías limpas; e explicou que outros estudantes están traballando en ideas para futuros proxectos.

Unha iniciativa enmarcada no proxecto FP Plus
Ademais de no IES Politécnico de Lugo, o proxecto FP Emprende desenvólvese nos Institutos de Educación Secundaria (IES) Manuel Antonio de Vigo, Luís Seoane de Pontevedra, e Portovello de Ourense; así como nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol e Ánxel Casal de A Coruña.

FP Emprende enmárcase no proxecto FP Plus, unha iniciativa pioneira que se iniciou o curso pasado, e que ten por obxectivo fomentar iniciativas emprendedoras entre o alumnado de Formación Profesional.

O proxecto consta de catro programas: o FP Idea, FP Avanza, FP Emprende e FP Simula. O primeiro premia o mellor proxecto empresarial ou a mellor idea innovadora do alumando destas ensinanzas, mentres que FP Avanza pretende darlle ao alumnado de FP unha cualificación práctica relacionada co proceso de creación de empresas mediante un seminario e un circuíto de visitas guiadas a empresas e viveiros de creación de empresas, o que permitirá ao alumnado o coñecemento da experiencia de persoas emprendedoras vinculadas ao seu sector de interese.

Por último, o proxecto FP Simula púxose en marcha de xeito experimental en 6 centros galegos no curso 2007-2008, entre eles o IES A Piringalla de Lugo. Esta iniciativa consiste na constitución dunha empresa virtual nun centro educativo, de xeito que o alumnado participa en primeira persoa no proceso de creación da mesma, e pasa a ocupar os diversos postos de traballo de xeito rotatorio.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/sanchez-pinon-realiza-un-percorrido-polas-instalacions-do-viveiro-de-empresas-do-ies