Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo visita a rúa Río Sil, onde se está a mellorar a unión con Infanta Elena

Rubén Arroxo visita a rúa Río Sil, onde se está a mellorar a unión con Infanta Elena

Rubén Arroxo: “nos últimos meses realizamos unha intervención para mellorar a seguridade viaria nesta zona, e agora actuamos na rúa para facer definitiva esta solución”

Arroxo: “estamos a ampliar a beirarrúa para crear un novo espazo para o desfrute da veciñanza”

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Luns, 13 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo visita a rúa Río Sil, onde se está a mellorar a unión con Infanta Elena

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Río Sil, onde continúan a executarse os traballos de renovación da parte inferior, na unión coa avenida Infanta Elena. Rubén Arroxo explicou que “nos últimos meses reordenamos o tráfico nesta rúa, poñendo fin a un dos puntos negros máis importantes de Lugo e agora continuamos a mellorar esta zona para dar unha solución definitiva que mellore tamén a estética da zona”.

Os traballos consisten na mellora estética da zona afectada. “Ampliarase a beirarrúa, creando un novo espazo para o desfrute de toda a veciñanza no treito que se pechou á circulación de vehículos”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “tratamos de actuar o máis rápido posible para facer definitiva esta solución e mellorar a imaxe da zona, eliminando os elementos provisionais que se colocaron nun primeiro momento”.

O Tenente Alcalde lembrou os traballos realizados para garantir a boa fluidez do tráfico na zona. “Realizamos distintas probas para atopar a mellor maneira para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade viaria e da veciñanza nos cruces da rúa Río Sil”, e explicou que “despois das probas, o treito de Río Sil que circula entre Río Cabe e a rúa Monforte pasou a ser unidireccional dado que foi a solución máis viable tecnicamente”.

Audio

  • O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a rúa Río Sil | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-visita-rua-rio-sil-onde-se-esta-mellorar-union-con-infanta-elena

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/211213_ruben_arroxo_rua_rio_sil.mp3