Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo reúnese co representante do Consello do Estudantado da USC

Rubén Arroxo reúnese co representante do Consello do Estudantado da USC

Tenente Alcalde afirmou que "o novo modelo de bus urbano terá o campus como un dos eixos principais de comunicación"

Arroxo: "Queremos consolidar o crecemento do bus urbano e adaptalo á realidade actual e futura da cidade"

  • Tema
    • Educación,
    • Transporte
Mércores, 01 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo reúnese co representante do Consello do Estudantado da USC

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro co representante do Consello do Estudantado da USC en Lugo onde conversaron sobre o novo modelo de transporte público urbano que está a deseñar a Tenencia de Alcaldía. Arroxo explicou que o obxectivo da área de Mobilidade é "consolidar o transporte público como unha alternativa para os desprazamentos da veciñanza, incrementando seu uso mes a mes".

Arroxo afirmou que a zona do campus "será un dos principais eixos de conexión do novo sistema de liñas", e engadiu "a comunidade universitaria terá facilidades para achegarse ao campus desde a cidade". Entre as prioridades marcadas pola Tenencia de Alcaldía están mellorar as conexións cos barrios, facilitar transbordos máis sinxelos, garantir unha frecuencia mínima de 30 minutos en todas as liñas e reducir os tempos de espera nos eixos principais da cidade, onde actualmente a frecuencia é de 12 minutos.

O novo contrato do servizo contemplará a posibilidade de ampliar a quilometraxe no futuro, tendo en conta que a cidade seguirá medrando nos vindeiros anos. Segundo explicou Arroxo, esta previsión permitirá adaptar as liñas ás novas zonas residenciais que se poidan desenvolver e garantir que o bus chegue ás futuras vivendas.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-reunese-co-representante-do-consello-do-estudantado-da-usc