Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo presenta o portal urbanoslugo.com, que achega información en tempo real sobre o bus urbano

Rubén Arroxo presenta o portal urbanoslugo.com, que achega información en tempo real sobre o bus urbano

O Tenente Alcalde explicou que “a través desta web a veciñanza poderá saber canto falta para que chegue o bus á súa parada”

A través da web pode conseguirse toda a información relacionada co servizo de bus urbano, como o mapa de liñas ou información sobre as tarifas e a tarxeta cidadá

  • Tema
    • Buses urbanos,
    • Transporte,
    • Tráfico
Mércores, 24 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo presenta o portal urbanoslugo.com, que achega información en tempo real sobre o bus urbano

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou o portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com [1]. “Continuamos avanzando na modernización do transporte público de Lugo, habilitando o seguimento en directo das liñas desde esta web, na que a veciñanza poderá ver en tempo real canto falta para que o bus chegue á súa parada”. Neste primeiro lanzamento, a web da a información en tempo real de 275 paradas, “a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concurridas do servizo de transporte público”.

A través desta web, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. Rubén Arroxo destacou que “continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais”. A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.

O Tenente Alcalde lembrou que "co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra".

Usuarios do transporte público

Rubén Arroxo anunciou que en torno a 6.500 persoas usan o bus cada día. Arroxo explicou que “os estudos realizados polo INE sobre o uso do transporte público están a publicar baixadas dun 30% de media en todo o estado con respecto a antes da pandemia, unha baixada que é inferior nos datos do transporte público de Lugo”.

Tarxeta Cidadá

Arroxo animou á veciñanza que aínda non ten a tarxeta cidadá a facela para “axilizar as paradas do bus e aforrar no prezo de cada viaxe”. O Tenente Alcalde destacou que "Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado".

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Audio

  • O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a web urbanoslugo.com [1] | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-presenta-o-portal-urbanoslugocom-que-achega-informacion-en-tempo-real-sobre-o-bus

Ligazóns:
[1] http://urbanoslugo.com
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/211124_ruben_arroxo_web_urbanoslugo.mp3