Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo: "O 12 de agosto, Lugo converterase no mellor punto para observar o eclipse solar"

Rubén Arroxo: "O 12 de agosto, Lugo converterase no mellor punto para observar o eclipse solar"

A Tenencia de Alcaldía, en colaboración co CITMAga, coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Caixa Rural, organiza un ciclo de actividades a redor desta cita.

A actividade central será a observación pública da eclipse total de Sol o 12 de agosto de 2026 en diferentes puntos da cidade.

Arroxo, acompañado por Maite Ferreiro e representantes das entidades colaboradoras, presentaron esta tarde o ciclo de actividades arredor do eclipse.

  • Tema
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Medio ambiente
Xoves, 26 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo: "O 12 de agosto, Lugo converterase no mellor punto para observar o eclipse solar"

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o profesor Manuel Andrade, Coordenador da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da USC, e a representación de Caixa Rural Galega presentaron o proxecto Eclipse 2026.8.12 en Lugo "unha serie de actividades que acabarán convertendo a Lugo no mellor punto de Galiza para ver o eclipse solar do 12 de agosto", explicou Rubén Arroxo.

O ciclo, que conta co apoio de Caixa Rural Galega, organízase en torno á actividade central, unha observación pública da eclipse total de Sol o 12 de agosto de 2026 en diferentes puntos da cidade, "que actualmente en estudo xunto co Concello de Lugo, cun protagonismo especial do adarve da Muralla e do Parque Rosalía de Castro", anunciou Rubén Arroxo. A sesión incluirá instalación de telescopios e prismáticos con filtros solares, dispositivos de proxección e reparto de lentes homologadas para garantir unha observación segura das fases parciais.

O intenso programa de actividades dará comezo cunha sesión pública de presentación do proxecto, aberta á veciñanza, na que se explicará o conxunto das actividades e os aspectos organizativos da xornada do 12 de agosto. Ao tempo poñerase en marcha a páxina web oficial e canles específicas en redes sociais, con información detallada sobre a ciencia das eclipses, horarios locais en Lugo, mapas, infografías e materiais didácticos, entre os que se inclúen vídeos explicativos sobre a ciencia, a historia e a relevancia cultural das eclipses, con especial atención á eclipse total de 2026, un tríptico informativo accesíbel cos aspectos básicos do fenómeno e recomendacións para a súa observación segura.

Comezará tamén un ciclo de conferencias temáticas impartidas por persoas expertas en distintos ámbitos. Cada sesión abordará de maneira rigorosa pero cercana os aspectos científicos, históricos e culturais vencellados coas eclipses. Nas datas inmediatamente previas á eclipse desenvolveranse dous obradoiros prácticos abertos ao público. Nas semanas previas instalarase un punto de información aberto ao público, no que se ofrecerán detalles sobre o programa, consellos de observación segura e no que se distribuirán materiais divulgativos. Desde alí facilitarase tamén información práctica sobre os distintos espazos habilitados para a observación.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o Eclipse 2026.8.12 | Descargar mp3 [1]
  • O profesor Manuel Andrade, sobre o Eclipse 2026.8.12 | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-o-12-de-agosto-lugo-converterase-no-mellor-punto-para-observar-o-eclipse-solar

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/10/20260326_maite_ferreiro_eclipse_lugo.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/10/20260326_manuel_andrade_eclipse_lugo.mp3