Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan o Colexio de Albeiros, onde se están a realizar os hortos escolares do Concello de Lugo

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan o Colexio de Albeiros, onde se están a realizar os hortos escolares do Concello de Lugo

Maite Ferreiro: "as actividades pretenden amosar as labores propias dos hortos e sumar coñecementos da cultura tradicional galega".

  • Tema
    • Educación,
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Medio ambiente,
    • Medio rural
Sábado, 27 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Tenencia de Alcaldía a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil, organizadas en colaboración coa Tradescola. Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitaron o colexio de Albeiros, un dos centros de ensino nos que se está realizando a actividade con nenas e nenos de 6º curso de educación infantil.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, explicou que "estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

O horto, xunto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais relacionadas cos ciclos do ano, é unha experiencia na que se pode participar en calquera etapa da vida, pero é, sen dúbida, nas primeiras etapas educativas, onde a estimulación dos sentidos é mais importante, polo que esta actividade supón un recurso educativo de grande interese, para que nenos e nenas de curta idade, vivan, experimenten e gocen do traballo no contorno natural, intervindo nel, dun xeito consciente e responsable e desfruten ao mesmo tempo coñecendo a música, as cantigas, as celebracións e os xogos bailados relacionados con estes traballos.

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa  capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián.

Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios.

As actividades potenciarán a iniciativa na realización e participación nas actividades e fomentarán o traballo en grupo.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-maite-ferreiro-visitan-o-colexio-de-albeiros-onde-se-estan-realizar-os-hortos