Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan as instalacións de Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un mural

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan as instalacións de Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un mural

Maite Ferreiro destacou a importancia de Raiolas “á hora de mellorar a calidade de vida das persoas con TEA”

O muralista local Rubén Paz, do colectivo TreceTrazos decorou o exterior das instalacións de Raiolas

  • Tema
    • Centros sociais,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Domingo, 28 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitan as instalacións de Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un mural

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro visitaron as instalacións da asociación Raiolas, onde a área de Cultura vén de realizar un novo mural á entrada do local da asociación na rúa Músico Falla. Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura quixemos colaborar con Raiolas nunha acción simbólica para destacar a súa importancia á hora de mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e TCS”.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitaron as instalacións de Raiolas xunto coa presidenta da Asociación, Inés Flores. A concelleira de Cultura afirmou que “desde as áreas da Tenencia de Alcaldía continuaremos a colaborar co tecido asociativo da cidade, especialmente con asociacións como Raiolas que realizan unha grande labor social na cidade”.

A área de Cultura contou co muralista local Rubén Paz, integrante do colectivo TreceTrazos para decorar os exteriores do local de Raiolas.

Raiolas

Raiolas é unha asociación sen ánimo de lucro declarada no ano 2011 de Utilidade Pública, formada polos pais e nais de persoas con autismo e outros trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e Trastornos da Comunicación Social (TCS), que traballa na provincia de Lugo. O seu obxectivo é a realización de todas as actividades que melloren a calidade de vida das persoas con autismo ou TEA/TCS e que procuren a súa plena integración familiar e social.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-maite-ferreiro-visitan-instalacions-de-raiolas-onde-area-de-cultura-ven-de