Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reúnense co director Cristobal Soler para traballar na nova edición do Lucus Music Festival

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reúnense co director Cristobal Soler para traballar na nova edición do Lucus Music Festival

As rúas de Lugo volverán encherse de música cunha programación variada que combina formación e concertos abertos ao público.

Ferreiro: “O festival atrae cada ano a directoras, directores e intérpretes de todo o mundo que fan de Lugo un punto de encontro da música e da cultura”.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Música,
    • Xestión cultural
Domingo, 23 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reúnense co director Cristobal Soler para traballar na nova edición do Lucus Music Festival

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron unha reunión co director Cristóbal Soler para comezar a organización da IV Edición do Lucus Music Festival. O evento consolidouse como unha referencia no panorama musical e formativo, reunindo en cada edición centos de asistentes nos seus concertos e actividades.

Maite Ferreiro destacou que o festival manterá o seu carácter multidisciplinar, combinando actuacións abertas ao público con formación especializada para futuras directoras e directores. “O Lucus Music Festival consolidouse como unha cita imprescindible do verán lucense, enriquecendo a oferta cultural da cidade e favorecendo a participación cidadá a través da música”, sinalou.

A concelleira de Cultura subliñou tamén a proxección internacional do festival, que cada ano reúne en Lugo a directoras, directores, músicos e intérpretes de diferentes partes do mundo. “O Lucus Music Festival converte a cidade nun espazo de encontro da música e da cultura, reforzando o seu posicionamento como referente no ámbito musical e formativo”, afirmou a Ferreiro.

Cristóbal Soler, que volverá exercer como director artístico e profesor de dirección, destacou a importancia de xerar oportunidades de formación para novos talentos musicais, que terán ocasión de demostrar o aprendido en actuacións abertas ao público.

O festival contará cunha programación de concertos gratuítos en espazos emblemáticos da cidade, como a Praza Anxo Fernández Gómez, a Casa do Saber, a Praza Maior, o Vello Cárcere e a Igrexa de San Pedro.

A Área de Cultura reafirma así o seu compromiso coa difusión e promoción da música, consolidando o Lucus Music Festival como unha referencia imprescindible tanto a nivel nacional como internacional.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-maite-ferreiro-reunense-co-director-cristobal-soler-para-traballar-na-nova