Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Felipe Rivas entregan máscaras infantís aos centros de ensino

Rubén Arroxo e Felipe Rivas entregan máscaras infantís aos centros de ensino

Esta acción é posíbel grazas á colaboración entre os centros de ensino e a concellería de Educación

“Desde o comezo da crise sanitaria as distintas áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía do Concello realizamos diversas accións para facilitar a adaptación á nova normalidade das nenas e nenos”, afirmou Felipe Rivas

  • Tema
    • COVID-19,
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Protección da comunidade
Martes, 08 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Felipe Rivas entregan máscaras infantís aos centros de ensino

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Educación, Felipe Rivas, achegáronse hoxe aos centros de ensino públicos da cidade para entregar as máscaras coas que desde a Concellería de Educación se pretende axudar a todas as familias a cumprir as medidas sanitarias no retorno ás clases. “Poñemos en marcha esta acción grazas á colaboración que mantemos desde a concellería de Educación coas equipas directivas dos centros, que se encargarán de entregar as máscaras ás nenas e nenos que o precisen”, explicou Felipe Rivas.

“A Xunta de Galiza non tivo en conta que o gasto en máscaras pode ser inasumible para as familias que estén a pasar por unha situación económica delicada”, declarou Felipe Rivas, que engadiu “desde a Concellería de Educación decidímonos a colaborar cos centros para que as nenas e nenos de Lugo teñan acceso ás máscaras obrigatorias sen importar os recursos das súas familias”.

 O edil de Educación lembrou que “as distintas áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía realizamos, desde o inicio da crise sanitaria, distintas accións para facilitar a adaptación á nova normalidade das nenas e nenos”. Rivas destacou accións como “o servizo de impresión a demanda, que permitiu a todas as familias de Lugo ter acceso ao material didáctico  e poder continuar coa formación desde a casa durante o confinamento” ou o proxecto Tecendo Brincadeiras, “que co inicio das saídas á rúa permitiu ás nenas e nenos xogar sen deterse e mantendo a distancia de seguridade”.  Ademais, Felipe Rivas destacou que “enviamos a todas as nenas e nenos unha máscara infantil para garantir a súa seguridade cando deu inicio o desconfinamento”.

Audio

  • O concelleiro de Educación, Felipe Rivas, sobre as máscaras nos centros de ensino | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-felipe-rivas-entregan-mascaras-infantis-aos-centros-de-ensino

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200809_felipe_rivas_mascaras_centros_de_ensino.mp3