Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Cristina López visitan o arquivo municipal na xornada do Día Mundial dos Arquivos

Rubén Arroxo e Cristina López visitan o arquivo municipal na xornada do Día Mundial dos Arquivos

Cristina López: "Son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos, constituíndo a pegada dos nosos devanceiros e a testemuña das súas accións ao longo do tempo".

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Bibliotecas e arquivos,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Luns, 09 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Cristina López visitan o arquivo municipal na xornada do Día Mundial dos Arquivos

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a Concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, visitaron o Arquivo Municipal na xornada na que se celebra o Día Internacional dos Arquivos, unha celebración que lembra o aniversario da creación do Consello Internacional de Arquivos pola UNESCO, datada no 9 de xuño de 1948. Segundo a concelleira responsable, Cristina López, a principal finalidade para levalo adiante foi "promover a xestión e o uso eficiente e eficaz de documentos, arquivos e datos en todos os formatos e a súa preservación como patrimonio cultural e testemuñal da humanidade, a través da cooperación internacional, para compartir experiencias e investigacións".

A concelleira de Participación insistiu en que os arquivos "son a memoria viva dos pobos e o garante dos seus dereitos", polo que a documentación que as persoas profesionais custodian non só serve de mostra de transparencia e do acceso á información, senón que tamén constitúe a pegada dos nosos devanceiros, a testemuña das súas accións ao longo do tempo, remarcou López.

Cristina López tamén destacou a importancia do Arquivo Municipal de Lugo, que custodia, trata e serve a documentación producida e/ou recibida polo Concello de Lugo ao longo do tempo, durante todo o seu ciclo de vida. "Trátase dun rico fondo documental que arranca no século XIV e que actualmente está custodiado en dous arquivos distintos, xa que a parte máis histórica se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Lugo en depósito mentres que a máis contemporánea se ubica no propio Arquivo Municipal", concluíu a edil.

Na web do Arquivo Municipal de Lugo [https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/arquivo-municipal [1]] está dispoñible a información sobre as series documentais máis importantes do fondo documental do Concello de Lugo, os servizos que o Arquivo presta á cidadanía e as formas de acceso á documentación.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-cristina-lopez-visitan-o-arquivo-municipal-na-xornada-do-dia-mundial-dos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/arquivo-municipal