Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coa veciñanza da Garaballa

Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coa veciñanza da Garaballa

Os edís presentaron o proxecto de mellora dos viais públicos do barrio ás veciñas e veciños da zona.

Rubén Arroxo: "continuamos atendendo ás zonas periurbanas cunha nova intervención na que renovaremos o asfalto e habilitaremos beirarrúas".

  • Tema
    • Benestar social,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Sábado, 08 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas reúnense coa veciñanza da Garaballa

O Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantivo unha xuntanza con veciñas e veciños da Garaballa para amosar os traballos a executar pola concellería nos vindeiros meses. Arroxo conversou coa veciñanza e trasladou o proxecto elaborado pola Tenencia de Alcaldía, que permitirá "mellorar os accesos ao barrio desde a avenida Infanta Elena e o vial principal do barrio, creando tamén novas beirarrúas para os peóns".

Rubén Arroxo destacou "o esofrzo" que a Tenencia de Alcaldía realiza para atender ás distintas zonas periurbanas de Lugo, e explicou que "barrios como as Gándaras ou galegos recibiron nestes anos unha serie de investimentos importantes que melloraron enormemente a calidade de vida da veciñanza, con actuacións tanto nas rúas e beirarrúas como renovando o alumeado público". Segundo Rubén Arroxo, "seguimos traballando para actuar en todos os barrios e vías da cidade, tanto con  actuacións pequenas como eliminación de baches ou renovación de treitos de beirarrúa, como actuacións integrais como a que plantexamos na Garaballa".

O edil de Infraestruturas animou ás veciñas e veciños de Lugo a facer chegar as súas reclamacións ao Concello, e destacou que estas reclamacións, "xunto coas visitas que realizamos periodicamente aos barrios, permítennos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar".


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-e-alexandre-penas-reunense-coa-vecinanza-da-garaballa