Rubén Arroxo e Alexandre Penas manteñen un encontro con veciñas e veciños da rúa Otero Pedrayo para presentar o proxecto de humanización da unión desta rúa con Río Sil
O tenente de Alcalde e o edil de Infraestruturas acordaron coa veciñanza a transformación do treito "creando un novo espazo de convivencia para as veciñas e veciños do barrio".
Arroxo: "Seguimos avanzando na cidade dos 5 minutos, traballando da man das veciñas e veciños para conseguir consensos na transformación do espazo urbano dos nosos barrios".
- Tema
- Benestar social,
- Infraestruturas,
- Urbanismo

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza coas veciñas e veciños da rúa Otero Pedrayo para abordar a transformación do treito que conecta esta rúa con Río Sil. Durante o encontro, presentouse o proxecto elaborado pola Tenencia de Alcaldía para crear un novo espazo de convivencia, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e fomentar a participación cidadá na definición dos espazos públicos.
Rubén Arroxo destacou que "seguimos avanzando na cidade dos 5 minutos, traballando da man das veciñas e veciños para conseguir consensos na transformación do espazo urbano dos nosos barrios". O tenente de Alcalde subliñou a importancia de atender ás reclamacións veciñais e animou á cidadanía a facer chegar as súas propostas ao Concello, sinalando que "a información recollida, xunto coas visitas periódicas aos barrios, permítenos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar".
O Goberno de Lugo elaborou un proxecto que creará "unha zona de convivencia nesta rúa", aumentando o espazo peonil e os espazos de convivencia veciñal. Arroxo destacou que a área de Mobilidade busca crear "un espazo referencial no barrio", e lembrou que a Tenencia de Alcaldía traballa en construír a cidade dos 5 minutos, unha cidade na que calquera persoa, independentemente de onde resida, teña amenos de 5 minutos unha zona de estar ao aire libre. "Logramos avanzar moito con peonalizacións nos distintos barrios, convertendo carrís innecesarios en beirarrúas amplas e creando novos espazos verdes e zonas de convivencia, como faremos neste punto de Otero Pedrayo".
Arroxo destacou que Otero Pedrayo é un novo exemplo "de participación directa da veciñanza na transformación do espazo público" e lembrou que nos últimos meses a Tenencia de Alcaldía mantivo "varios encontros coas veciñas e veciños para saber as necesidades e elaborar este proxecto". Arroxo anunciou que o proxecto formará parte dos orzamentos de 2026.
