Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo anunciou o plan de tráfico alternativo para a construcción da rotonda de San Eufrasio

Rubén Arroxo anunciou o plan de tráfico alternativo para a construcción da rotonda de San Eufrasio

Nos vindeiros días dará comezo a execución dos traballos

O Tenente de Alcalde anunciou que “a rotonda estará rematada nun prazo inferior ao estimado”

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Transporte,
    • Tráfico,
    • Urbanismo
Sábado, 08 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anunciou o plan de tráfico alternativo para a construcción da rotonda de San Eufrasio

O Tenente de Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou que nos vindeiros días dará comezo a construción da rotonda de San Eufrasio. Arroxo explicou que “con esta nova infraestrutura melloraremos o funcionamento e a seguridade, eliminando un dos puntos negros máis importantes cos que conta Lugo na actualidade”, e engadiu “a rotonda eliminará os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente, e aumentará a distancia de visibilidade”

O persoal técnico da área de Mobilidade deseñou un plan de tráfico alternativo “que permita á veciñanza acceder ás rúas afectadas polas obras sen interferir co desenvolvemento dos traballos“, segundo explicou Rubén Arroxo. Coas modificacións, que serán temporais mentres se execute a construcción da rotonda, as persoas que circulen desde a praza Conde de Fontao ata San Eufrasio terán que desviarse pola rúa Castelao, Miguel de Cervantes, e ronda das Fontiñas, accedendo a San Eufrasio polo Carril dos Indios. O tráfico de entrada á cidade que chegue por San Eufrasio, será desviado polo Carril dos Indios cara a Ronda das Fontiñas.

A área de Mobilidade e Infraestruturas investirá 107.871,50€ na construcción desta rotonda. Rubén Arroxo anunciou que “a rotonda estará rematada nun prazo inferior aos 6 meses estimados orixinalmente”, e explicou que “durante o desenvolvemento dos traballos, tanto desde a empresa concesionaria como desde a área de Mobilidade tratarase de reducir ao máximo as molestias producidas á veciñanza”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-anunciou-o-plan-de-trafico-alternativo-para-construccion-da-rotonda-de-san