Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Rubén Arroxo anuncia un novo mes de récord nos buses urbanos con 186.454 billetes expedidos no mes de xullo

Rubén Arroxo anuncia un novo mes de récord nos buses urbanos con 186.454 billetes expedidos no mes de xullo

O responsable de mobilidade destacou que "as veciñas e veciños de Lugo apostan cada vez máis polo transporte público, incluso nos meses de verán cando o uso sempre caeu".

O mes de xullo de 2025 supera en preto de 19.000 usuarios os datos rexistrados no xullo previo á pandemia, e en preto de 15.000 os do ano pasado.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Servizos sociais,
    • Buses urbanos,
    • Transporte,
    • Tráfico
Martes, 05 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anuncia un novo mes de récord nos buses urbanos con 186.454 billetes expedidos no mes de xullo

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou un novo récord de usuarios e usuarias no transporte público da cidade durante o mes de xullo de 2025, que se pechou cun total de 186.454 billetes expedidos. Esta cifra supón un novo récord histórico para este mes, consolidando a tendencia ascendente que vén rexistrando o servizo nos últimos anos.

"Xullo adoita ser un mes con pouco uso do bus urbano, a finalización do curso escolar e as vacacións das veciñas e veciños reucen os desprazamentos, máis este ano seguimos a ver un aumento no uso do bus urbano, o que reflicte unha fidelización crecente da veciñanza co transporte público", sinalou Arroxo.

A evolución dos datos confirma esta tendencia: en xuño de 2019, un ano antes da baixada no uso debido á pandemia, o servizo rexistraba 116.755 viaxeiros, 18.768 menos que neste ano. O ano pasado, a marca xa foi a maior da historia até o momento, chegando a 171.837 billetes expedidos. Este 2025 superouse esa cifra en 14.617 billetes.

"O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo", afirmou Arroxo. "Temos unha rede de liñas que conecta a preto do 90% da poboación e tarifas moi accesibles. Iso está a facer que cada vez máis xente escolla o transporte público no seu día a día."

Desde a área de Mobilidade continúa o traballo para fomentar o uso do bus urbano como un medio económico, sustentable e cómodo, que evita problemas como o aparcamento e reduce a pegada de carbono na cidade.

O billete ordinario custa 0,64€, con desconto a 0,45€ usando a Tarxeta Cidadá, e só 0,31€ para colectivos bonificados (persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou persoas desempregadas). Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.

Audio

  • O concelleiro responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, sobre o bus urbano | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ruben-arroxo-anuncia-un-novo-mes-de-record-nos-buses-urbanos-con-186454-billetes-expedidos-no

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/250805_ruben_arroxo_bus_urbano.mp3