Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A renovación do abastecemento en Escultor Asorey chega á súa fase final logo da substitución de 90 metros de tubaxes de fibrocemento

A renovación do abastecemento en Escultor Asorey chega á súa fase final logo da substitución de 90 metros de tubaxes de fibrocemento

A alcaldesa, Lara Méndez, supervisaba esta mañá a evolución dos traballos, dos que se beneficiarán máis dun cento de veciñas e veciños.

As obras rematarán durante a vindeira semana co peche da gabia e a reposición do firme.

A actuación enmárcase nun plan municipal, dotado con 1’2 millóns de euros, para erradicar a presenza deste material na cidade que afectará a un total de 250 acometidas.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Xoves, 04 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A renovación do abastecemento en Escultor Asorey chega á súa fase final logo da substitución de 90 metros de tubaxes de fibrocemento

A veciñanza de Escultor Asorey dispón dende hoxe dunha rede de abastecemento completamente renovada, pola que xa lle está a chegar a subministración de auga. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, supervisaban esta mañá o remate dos traballos de substitución das canalizacións que se iniciaran hai, aproximadamente, un mes.

A intervención, que tivo un custo de 17.000 euros, afectou ás catro acometidas situadas na marxe esquerda da vía, onde se retiraron 90 metros de tubaxes que contiñan fibrocemento e se repuxeron outros de fundición, moito máis resistentes e de maior durabilidade.

A obra será a primeira que finalizará - a semana que vén, cando conclúa o peche da gabia e a reposición do firme da zanxa - das programadas dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza deste material na traída pública. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros co fin de “mellorar os servizos públicos apostando ademais por infraestruturas máis eficientes que incrementarán tamén a calidade da prestación que xa se ofrece”, segundo sinalou a rexedora.

Lara Méndez lembrou, así mesmo, que “o alcance global deste proxecto suporá a substitución dun total de 7.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda, por ser os barrios nos que se producen a maior parte das avarías que teñen orixe en seren as conducións de fibrocemento”.

“De maneira que, coa eliminación deste material acadaremos varios propósitos: dispoñer dunha rede máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias”, incidiu a alcaldesa.

Lara Méndez relatou tamén que, segundo o cronograma establecido, ao respecto, pola área de Medio Ambiente para a execución das tarefas previstas, estas xa se están acometendo actualmente nas rúas Bataneira e Figueira e terán continuidade en Aviación Española, Armórica, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.

“De maneira que nos vindeiros meses, segundo os procedementos de contratación se vaian resolvendo, se desenvolverán os traballos que comprenderán, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, para actuar dunha forma integral sobre estas vías”, concluíu a rexedora lucense.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a renovación do abastecemento na rúa Escultor Asorey | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/renovacion-do-abastecemento-en-escultor-asorey-chega-sua-fase-final-logo-da-substitucion-de-90

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/040321_lara_mendez_-_renovacion_abastecemento_escultor_asorey.mp3