“RELACIÓNS ROTAS”, unha exposición feita (de) anacos
A mostra retranqueira sobre rupturas sentimentais aberta no MIHL conta xa cunha trintena de imaxes e obxectos achegados por outras tantas vítimas luguesas do desamor
- Tema
- Cultura e Turismo

Todos os que teñan pasado por unha (ou máis) rupturas sentimentais gozan da oportunidade de exorcizar os seus demos dun xeito peculiar. O Festival Internacional da Retranca que se celebra en Lugo dispón dun espazo específico para depositar esas ofrendas ao punto e aparte, quer imaxes ou obxectos cotiás quer calquera chilindrada, que lles simbolice a fin daquel amor. A “rompedora” proposta chámase “Relacións Rotas” e busca ser un acto creativo de desapego.
O contido desta peculiar montaxe retranqueira comeza a ter xeito. A sala do Museo Interactivo da Historia de Lugo que acolle “Relacións rotas” conta xa cunha trintena de obxectos do máis variado, dende xogos ata cadros pasando por xoguetes ou pegatinas; trangalladas que, ao cabo, teñen un significado especial para aqueles que os achegaron, por moito que os visitantes non sempre se decaten.
As distintas pezas que integran a exposición do MIHL foron chegando de maneira anónima ou ben baixo iniciais durante estes días previos á súa apertura, de tal forma que hoxe martes suman xa unha trintena. O único requisito que se esixe para participar na mostra colectiva é que no obxecto ou imaxe que se deposite no MIHL figure a data da ruptura sentimental en cuestión.
“Relación rotas” permanecerá aberta ata o final do Festival, logo quen queira facer este exercicio de desapego ten tempo de enviar, durante a semana retranqueira, o seu obxecto ou fotografía. Pódense remitir ora á recepción do MIHL ora vía web. Todo o que vaia chegando se sumarase ao xa exposto.
