Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Récord de participación no programa de visitas escolares ás instalacións municipais de xestión da auga de Lugo

Récord de participación no programa de visitas escolares ás instalacións municipais de xestión da auga de Lugo

Concello e Gestagua consolidan esta iniciativa educativa, cun incremento do 132 por cento respecto ao curso anterior, cun total de 1.500 asistentes de 23 centros de ensino.

O alcalde destaca a importancia de “coñecer o funcionamento do ciclo integral da auga, para valorar e protexer desde as idades máis temperás este recurso esencial”.

A experiencia formativa na ETAP e na EDAR mellorou nesta edición co redeseño do espazo e do contido didáctico da visita, incluíndo maquetas verticais e novos paneis. 

  • Tema
    • Benestar social,
    • Educación,
    • Centros de ensino,
    • Educación pública,
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Residuos,
    • Auga,
    • Urbanismo
Luns, 04 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Récord de participación no programa de visitas escolares ás instalacións municipais de xestión da auga de Lugo

Concello de Lugo e a Gestagua pechan con cifras récord unha nova edición do programa de visitas formativas ás infraestruturas de xestión do ciclo integral da auga que xestiona a empresa concesionaria, e que se realiza entre os meses de marzo e maio. As estacións municipais de tratamento e depuración (ETAP e EDAR) recibiron durante o curso 2024/2025 a máis de 1.550 estudantes, de 23 centros de ensino, o que supón máis do dobre de participantes e de centros educativos rexistrados o ano anterior, no que se contabilizaron 600 participantes. De feito, a asistencia deste ano foi un 132 por cento máis que a do ano pasado.

“O éxito de participación demostra o interese crecente por coñecer de preto como se xestiona a auga en Lugo”, explica Miguel Fernández, alcalde da cidade. “É un recurso esencial que merece ser comprendido, valorado e protexido desde as idades máis temperás”.

O programa, que se desenvolveu entre os meses de marzo e maio, rexistrou un total de 57 visitas reais, con 62 inscricións procedentes de practicamente todos os centros educativos da cidade, ademais de varios centros do resto da provincia e de Ourense, como o CIFP A Farixa, o CPI de Friol, o IES Río Miño ou o CPI Uxío Novoneyra, supoñendo un aumento de visitas do 46 por cento respecto á anterior edición deste programa educativo.

Un dos principais avances deste curso foi a renovación do espazo e do contido didáctico das visitas, incluíndo maquetas verticais, paneis explicativos e unha nova proposta expositiva que ofrece unha visión integral do ciclo da auga, desde a captación no río Miño ata a súa devolución ao medio natural tras o proceso de depuración.

A acollida do programa foi excelente: o cen por cento dos centros enquisados afirma que repetiría a experiencia o próximo curso, mentres que as valoracións da organización, o contido e o labor dos monitores sitúanse por encima de 9 sobre 10.

De cara ao futuro, Concello de Lugo e Gestagua continuarán a mellorar un programa que evoluciona cara a unha iniciativa de divulgación aínda máis ambiciosa, que inclúa accións na contorna do río Miño e actividades educativas nas aulas sobre o ciclo da auga. O obxectivo pasa por seguir inspirando ás novas xeracións da importancia de coidar un recurso vital como a auga.

Gestagua opera o ciclo integral da auga en toda España desde 1986. Na actualidade, o grupo xestiona máis de 550.000 habitantes en depuración en toda España e aposta por un crecemento sostido neste ámbito nos próximos anos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/record-de-participacion-no-programa-de-visitas-escolares-instalacions-municipais-de-xestion-da