A reciclaxe de envases lixeiros en Lugo medra un 12% no que vai de 2024
As medidas impulsadas polo Executivo de Paula Alvarellos consolidan o aumento na xestión dos residuos e fortalecen a economía circular, con 113 toneladas máis de envases lixeiros e 4 toneladas máis de papel e cartón entre xaneiro e agosto.
O crecemento na reciclaxe dos residuos subliña o éxito das accións de concienciación e o uso eficiente dos recursos promovido polo Goberno local.
"Estas cifras reflicten que a implicación dos veciños está a transformar Lugo nun referente en sostibilidade", destacou o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.
- Tema
- Benestar social,
- Infraestruturas,
- Urbanismo

As accións promovidas polo executivo de Paula Alvarellos están a consolidar as prácticas de economía circular entre a poboación lucense. O incremento do 12% na reciclaxe de envases lixeiros entre xaneiro e agosto de 2024, cun total de 113 toneladas máis respecto ao mesmo período de 2023, subliña o éxito destas medidas e a implicación cidadá para reducir o impacto ambiental.
O papel e cartón tamén rexistran un aumento de 4000 quilos, acadando un total de 1.186 toneladas. Este crecemento é unha mostra do compromiso continuo da cidade co uso eficiente dos recursos e a redución da sobrecapacidade no uso de materiais.
"A veciñanza está a dar un exemplo de responsabilidade ambiental que vai máis aló dun cambio temporal", sinalou o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández. "Estamos a ver como o esforzo de todos se traduce nunha cidade máis limpa e nun futuro máis sostible", destacou ao respecto o edil.
Fernández tamén subliñou que "estas cifras confirman que os lucenses apostan pola reciclaxe de maneira consistente e que as iniciativas de concienciación, impulsadas polo Goberno local, están a dar os seus froitos".
Outros residuos e o avance no uso do contedor marrón
Ademais dos envases lixeiros e o papel, o aceite vexetal doméstico experimentou un notable incremento, recolléndose un 37% máis, cun total de 18,45 toneladas no que vai de ano. Pola súa parte, os residuos textís mantéñense estables, con cifras similares ao ano anterior, rexistrando 114 toneladas.
En canto ao contedor marrón, entre xullo e agosto recolléronse 4,6 toneladas de residuos orgánicos, cunha media semanal de 511 kg. Estes resultados foron posibles grazas á participación de 450 veciños, que depositan unha media de 1,14 kg de residuos por usuario cada semana. A previsión é que estas cifras medren gradualmente conforme se instalen os 800 colectores contemplados ao remate da implantación do servizo, reforzando así as facilidades para que a veciñanza manteña o seu compromiso medioambiental.
Audio
- O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a reciclaxe | Descargar mp3 [1]
