Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A previsión meteorolóxica adianta os traballos de reparación da Rúa Quiroga Ballesteros a este fin de semana

A previsión meteorolóxica adianta os traballos de reparación da Rúa Quiroga Ballesteros a este fin de semana

O tráfico de entrada e saída canalizarase a través da Rúa do Teatro, que se habilitará en dobre sentido de circulación alternativo, regulado por semáforos.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Venres, 09 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A previsión meteorolóxica adianta os traballos de reparación da Rúa Quiroga Ballesteros a este fin de semana

O Concello de Lugo informa dunha nova modificación na ordenación do tráfico no centro histórico, derivada da necesidade de realizar traballos de reparación no pavimento da Rúa Quiroga Ballesteros, para mellorar a seguridade da mesma.

Para a execución destes traballos, será necesaria a ocupación total da calzada na Rúa Quiroga Ballesteros, polo que se cortará o tráfico de vehículos por esta vía durante o tempo estimado de actuación, que comprende a fin de semana e, previsiblemente, o luns dependendo do nivel de precipitación durante as próximas horas. As tarefas levaranse a cabo en horario de 8:00 a 13:00 horas e de 14:30 a 18:30 horas.

Nova organización do tráfico durante as obras

Así, habilítase a Rúa do Teatro en dobre sentido de circulación alternativo, regulado mediante semáforos: un primeiro semáforo estará situado na intersección da Rúa do Teatro con Rúa Ánxel Fole; o segundo semáforo situarase na Praza Santo Domingo, na intersección con Rúa Armanyá, á altura da saída do aparcadoiro subterráneo. Estes semáforos regularán de forma alternativa o paso de vehículos, permitindo a entrada e saída de residentes e usuarios entre ambos extremos da Rúa do Teatro. Función que ademais estará asistida por dúas dotacións da Policía Local.

O tramo comprendido entre Ronda da Muralla e Rúa Ánxel Fole contará con dous carrís independentes de circulación. Un deles funcionará como zona de espera para os vehículos que accedan ao casco histórico cando o semáforo de acceso estea en vermello. No extremo oposto da Praza Santo Domingo, o tráfico de entrada desde a saída do aparcadoiro, pasando pola contorna da Praza de Abastos, Rúa Luis Peña Novo e Rúa Armanyá, organizarase nun único sentido de circulación antihorario, tendo a saída definitiva por esta última rúa. O acceso aos garaxes de Quiroga Ballestero queda garantido en todo momento e a saída e entrada aos mesmos realizarase de forma ordinaria por Amor Meilán.

O Concello agradece a comprensión e colaboración da veciñanza e lembra que estas actuacións son necesarias para mellorar a accesibilidade e calidade do espazo público no centro da cidade.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/prevision-meteoroloxica-adianta-os-traballos-de-reparacion-da-rua-quiroga-ballesteros-este-fin