Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Preto de 80 deseños optan a ser a imaxe da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs, no seu 25 aniversario

Preto de 80 deseños optan a ser a imaxe da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs, no seu 25 aniversario

A Casa da Xuventude expón desde mañá os carteis presentados, mentres que o vindeiro martes, día 14, acollerá o fallo do xurado para determinar a proposta gañadora.

A presentación de traballos superou con moito a participación doutras edicións, xa que nos últimos tres anos houbo 64, 50 e 35 propostas, respectivamente.

Para o edil de Xuventude, Jorge Bustos, a ampla resposta de creadores e artistas este ano “demostra a proxección internacional desta festa e o carácter especial desta edición”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Museos e exposicións,
    • Xestión cultural
Xoves, 09 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 80 deseños optan a ser a imaxe da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs, no seu 25 aniversario

A festa de recreación histórica do Arde Lvcvs está a punto de coñecer cal será a súa imaxe, aquela coa que se dará visibilidade ao seu 25 aniversario, e que se elixirá de entre preto de 80 propostas diferentes, dos máis variados estilos artísticos. Todos estes deseños poderanse ver desde mañá e ao longo do próximo mes na Casa da Xuventude, unhas instalacións que tamén acollerán o vindeiro martes, día 14, o veredicto do xurado profesional, que escollerá a posposta gañadora, dotada cun premio económico de 1.900 euros.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, responsable da festa e da convocatoria deste Premio de Deseño Gráfico Arde Lvcvs 2026, fala sobre a alta participación neste concurso e destaca que “a alta resposta demostra non só a proxección internacional que poden ter os artistas e creadores que realizan os deseños no caso de ser escollidos, senón que fala por se só do carácter especial desta edición”. Precisamente, a lenda Annvs Argentevs, expresión latina que significa ano de prata, en alusión aos 25 anos, é unha das esixencias que deben incluír estas creacións, que deben ser orixinais, reflectir tanto o mundo romano como o castrexo, ademais de conter logotipos, cores específicas, a referencia á declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional, e as datas desta edición, que se celebrará os días 18,19,20 e 21 de xuño.

Pese ás especificacións que deben cumprir os deseños presentados a este certame, o xurado non vai ter doado elixir de entre as 77 propostas que optan a acadar o prezado premio de 1.900 euros ademais de ser a imaxe dunha festa que cada ano suma en recoñecemento e prestixio entre as festas de recreación histórica.

As bases, presentadas en febreiro, esixían, ademais deses elementos obrigatorios, reflectir o espírito da festa, facendo especial fincapé na reconstrucción histórica e na volta da cidade ás súas orixes, visualizando obrigatoriamente o mundo romano e o castrexo

O xurado seleccionado que deberá elixir a proposta gañadora está integrado polo arquitecto e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Pablo Ferreiro-Mazón; o arqueólogo do Concello de Lugo, Enrique González; e por unha terceira persoa, en representación da USC. Ademais, no xurado estarán o concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, e unha técnico de Xuventude, aínda que ningún deles terá voz nin voto.

Todos eles terán que decidir en base a criterios de deseño, composición estética, creatividade, comunicación visual e coidado nos acabados e detalles entre as 77 propostas presentadas, que van dos deseños máis minimalistas a outros que empregan composicións fotográficas e ilustracións para definir propostas artísticas diversas, na que se busca o maior impacto visual posible.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/preto-de-80-desenos-optan-ser-imaxe-da-festa-de-recreacion-historica-do-arde-lvcvs-no-seu-25