Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Preto de 200 profesionais da Enxeñaría Gráfica danse cita na EPS para falar das novas tecnoloxías

Preto de 200 profesionais da Enxeñaría Gráfica danse cita na EPS para falar das novas tecnoloxías

Mércores, 10 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vixésimo primeiro Congreso Internacional Conxunto de Enxeñaría Gráfica de INGEGRAF e de ADM, que comezou este mércores 10 na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, reunirá na cidade a 183 profesionais, para intercambiaren as súas opinións sobre as diferentes liñas de traballo na aplicación das novas tecnoloxías como canles de comunicación.

O acto de inauguración estivo presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xosé López Orozco; o presidente de Ingegraf, Fernando Brusola; o presidente de ADM, Antonio Lazotti; o director da EPS, Javier Bueno; e o presidente do comité organizador do congreso, Eduardo Zurita.

Ao encontro tamén asistiu o director do departamento de Enxeñaría Agroforestal, Juan Gabriel Álvarez, e os decanos dos colexios de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Víctor Tello e Enrique de Salvador, respectivamente, así como os presidentes dos colexios de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Agrícolas de Lugo e de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Forestais de Galicia, Armando Rey e Marcos Cardelle.

Este congreso, que ofrece 90 conferencias, ten como principal obxectivo converterse nun foro de encontros entre profesionais que propicie o intercambio de experiencias científicas e profesionais no ámbito da Enxeñería Gráfica e das áreas de coñecemento relacionadas co deseño.

Seguindo o lema do congreso, ‘Camiñando desde a idea cara ás alternativas do deseño’, o comité organizador pretende resaltar o proceso de deseño en enxeñaría, que parte dunha idea que medra apoiándose na expresión gráfica para concretarse a través da imaxe, sendo esta, segundo apunta o comité, “a que nos permite relacionar as distintas partes do deseño, calcular graficamente as dimensións e concretar o deseño final tras analizar as alternativas do deseño”.

Investigación

Durante o evento trataranse diversas liñas de traballo, tales como a simulación e a realidade virtual, a topografía, o procesamento dixital da imaxe ou cartografía, entre outras, destacando sempre a importancia da implantación das novas tecnoloxías en cada unha das disciplinas, como un soporte fundamental para a comunicación e o deseño.

Ademais, con este encontro preténdese participar no proceso de Converxencia Europea no ámbito docente e profesional. Así, exporanse novos retos relacionados coa docencia en liña, dos congresos virtuais ou a normalización de plataformas de CAD en función do intercambio de información gráfica dixital, entre outras liñas de traballo que se desenvolverán estes días en Lugo, con intercambio de ideas e investigacións.

A USC elixiu o Campus de Lugo para a realización deste congreso, co fin de desenvolver un programa de visitas culturais paralelo á programación oficial, que permita aos congresistas coñecer a Galicia interior. As persoas interesadas en obter unha maior información sobre este congreso que se desenvolverá en Lugo ata o venres 12, poden consultar a páxina web http://www.ingegraf.es [1].


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/preto-de-200-profesionais-da-enxenaria-grafica-danse-cita-na-eps-para-falar-das-novas

Ligazóns:
[1] http://www.ingegraf.es