Preséntase a 47 Semana de Cine de Lugo, coa que colaboran as áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
Este ano a Semana de Cine volverá encher as instalacións culturais entre o 22 e o 27 de setembro.
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua destacou o papel do grupo Fonmiñá "na promoción e difusión do cine entre a veciñanza de Lugo".
Iria Castro, deputada de Cultura e Maite Ferreiro, participaron esta mañá na presentación da Semana de Cine.
- Tema
- Benestar social,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Xestión cultural

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, e a deputada de Cultura, Iria Castro, a 47 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo. A cita, que se vén celebrando anualmente dende o 1979, terá lugar entre o 22 e o 27 de setembro de 2025. No acto estiveron tamén presentes Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta de Galiza e da USC, e integrantes do Comité Organizador da Semana.
"Debemos apoiar dende as institucións a nosa cultura propia, neste caso a produción de cine en galego", dixo Maite Ferreiro, que engadiu "as experiencias que temos dinnos que temos contadoras e contadores de historias moi boas, que fan obras fermosas e interesantes, que redundan na defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista". A concelleira de Cultura afirmou que "as e os afeccionados ao cinema esperamos cada ano a setembro coa ilusión de ver un novo programa da Semana de Cine e desfrutar dos centos de películas e curtas que o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá pon á nosa disposición".
Iria Castro afirmou que "a semana de cine é unha cita consolidada no calendario cultural ao finalizar o verán", e destacou que esta cita "permítenos desfrutar de filmes que non chegan ás salas comerciais, pero que contan cunha gran calidade artística".
Ferreiro destacou o traballo do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, "que leva preto de 50 anos dando visibilidade ao cine entre a veciñanza de Lugo", e engadiu "a Semana de Cine de Lugo é unha das actividades máis relevantes do calendario cultural da cidade".
Audios
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Semana de Cine | Descargar mp3 [1]
- A deputada de Cultura, Iria Castro, sobre a Semana de Cine | Descargar mp3 [2]
