Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Presentadas preto de 300 solicitudes ao Concello para celebrar fogueiras de San Xoán na noite do luns

Presentadas preto de 300 solicitudes ao Concello para celebrar fogueiras de San Xoán na noite do luns

As instancias poderán entregarse nas dependencias da Policía Local ata o mesmo día 23 ás 13.00 horas, cando remata o prazo.

Entre as normas a cumprir, tanto na zona urbana como rural, contémplase a prohibición de lanzar foguetes así como a queima de produtos contaminantes ou tóxicos.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Medio rural,
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Venres, 20 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo recibiu ata hoxe preto de 300 solicitudes para organizar fogueiras de San Xoán na noite do próximo luns, día 23. Precisamente, ese é o día no que remata o prazo de presentación destes permisos, que se poderán entregar ata as 13.00 horas do día 23 nas dependencias da Policía Local, polo que a cifra de solicitudes aínda pode aumentar bastante.

De feito, nos últimos anos, ditas peticións aproximáronse ás 400 do ano pasado e ás 387 do ano anterior. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, comentou ao respecto destas celebracións que “recuperáronse con forza tralas restriccións pola pandemia; as fogueiras de San Xoán son algo moi noso pero é importante respectar as normas para previr e evitar situacións de risco”.

Neste sentido, o Goberno Local lembra que no bando publicado recentemente sobre as normas a cumprir neste tipo de lumes especifícase que as fogueiras non poderán estar próximas a localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco estará permitida a súa realización no Centro histórico nin en lugares nos que poidan crearse situacións de perigo. Ademais, o alcalde fixo unha chamada á cidadanía e pide ás persoas organizadoras que unha vez rematen as fogueiras, retiren todos os restos das queimas.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/presentadas-preto-de-300-solicitudes-ao-concello-para-celebrar-fogueiras-de-san-xoan-na-noite