Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Policía Local de Lugo participa nunha carreira solidaria en prol da investigación do síndrome de duplicación invertida do Cromosoma 15

A Policía Local de Lugo participa nunha carreira solidaria en prol da investigación do síndrome de duplicación invertida do Cromosoma 15

Sete axentes percorrerán a provincia na noite do sábado, dende a Fonsagrada ata Guitiriz, participando na Volta a España Running por etapas.

A rexedora, Lara Méndez, acompañada do Intendente Jesús Piñeiro, encomiou a vontade altruísta do Corpo nunha proba que ter por finalidade visibilizar a enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Programación cultural,
    • Deportes,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Venres, 17 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local de Lugo participa nunha carreira solidaria en prol da investigación do síndrome de duplicación invertida do Cromosoma 15

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou hoxe ao equipo da Policía Local que participará no reto solidario de acadar a primeira Volta a España Running por etapas Non – Stop cruzando todas as capitais de provincia españolas, nun desafío de máis de 7.000 quilómetros co que se superaría o actual Record Guinness da carreira máis longa deste tipo.

O obxectivo é recadar fondos e dar visibilidade á Fundación Inversión Duplicación do Cromosoma 15Q a través da que se promove a investigación deste síndrome co fin de obter unha futura curación da enfermidade, atopar medicamentos axeitados que minoren os síntomas e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, así como favorecer a súa integración social.

A rexedora, xunto ao Intendente, Jesús Piñeiro e a familia de Pedro, un neno de Sarria, de 27 meses, afectado por esta doenza, trasladou o seu ánimo aos 7 axentes da Xefatura lucense que realizarán o percorrido dende A Fonsagrada, de onde sairán o sábado ás 23:00 horas, ata Guitiriz ao que chegarán na tarde do domingo, cruzando así a provincia de Lugo.

“Para a veciñanza de Lugo é un orgullo que a Policía Local amose a súa vertente máis solidaria sendo parte activa dunha competición tan esixente, especialmente pola meta que persegue: a de dar visibilidande a unha patoloxía aínda pouco coñecida e na que cómpre dar pasos e seguir avanzando para mellorar a súa abordaxe e tratamento. Dende o Concello de Lugo enviámosvos todo o noso apoio e forza para que vos acompañe durante a proba”, afirmou Lara Méndez.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/policia-local-de-lugo-participa-nunha-carreira-solidaria-en-prol-da-investigacion-do-sindrome