Paz Abraira reunirase nos vindeiros días cos veciños do barrio da Ponte para lles presentar o proxecto de rehabilitación da ponte vella
- Tema
- Infraestruturas
A concelleira de Infraestruturas di que a reforma ten que cumprir dous obxectivos: servir para que a ponte recupere o seu aspecto orixinal e manter o servizo de tránsito aos veciños do barrio
A concelleira nacionalista afirmou que “os veciños deben ser os primeiros informados das obras que se van a acometer para que poidan opinar sobre a actuación prevista e minimizar as molestias que se poidan producir”
A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, reunirase nos vindeiros días cos veciños do barrio da Ponte para lles presentar o proxecto de rehabilitación da ponte vella. A responsable da área de obras do Concello quere contrastar cos veciños do barrio o proxecto elaborado polo seu departamento para a rehabilitación da ponte romana, unha vez entrou en circulación a nova ponte sobre o río Miño.
O Ministerio de Fomento comunicou hoxe mesmo a concesión dunha subvención de 712.000 euros con cargo ao Orzamento do 1% Cultural para os traballos de mellora da vella ponte. O Concello porá o 25% restante, polo que o orzamento total superará o millón de euros. Os traballos consistirán na substitución das actuais estruturas metálicas, na incorporación de pavimento de pedra e na colocación de iluminación ornamental.
Segundo explicou hoxe a concelleira nacionalista, preténdese restrinxir o tráfico nesta zona e só se permitirá cruzar en coche polo viaduto romano aos veciños do barrio da ponte, para que así manteñan o servizo actual. “A reforma ten que garantir dúas cousas: a fisionomía histórica orixinal da vella ponte e o servizo aos veciños”, dixo Paz Abraira.
Paz Abraira reiterou que quere “que as obras que vai acometer o Concello a partir de agora estean ao servizo dos veciños”, polo que defendeu que “os veciños serán os primeiros informados das obras que se van a acometer nos seus barrios para que poidan opinar sobre elas”. “Esta é unha práctica que queremos aplicar en diante: a colaboración permanente cos veciños e veciñas para evitar molestias innecesarias”, afirmou a concelleira nacionalista.