Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos visita o Hospital Veterinario HA no seu 25º aniversario e destaca a colaboración polo benestar animal entre institucións, asociacións e centros veterinarios

Paula Alvarellos visita o Hospital Veterinario HA no seu 25º aniversario e destaca a colaboración polo benestar animal entre institucións, asociacións e centros veterinarios

A alcaldesa percorreu as instalacións do centro, interesándose polo seu funcionamento e polos proxectos de cooperación que reforzan o coidado e a protección dos animais.

“Cada ano, o Goberno local destina máis de 300.000 euros para apoiar o traballo de entidades fundamentais na protección dos animais e no control das colonias felinas”, destacou a rexedora.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Centros sociais,
    • Desenvolvemento social,
    • Servizos sociais,
    • Desenvolvemento local,
    • Protección da comunidade
Martes, 26 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos visita o Hospital Veterinario HA no seu 25º aniversario e destaca a colaboración polo benestar animal entre institucións, asociacións e centros veterinarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou esta mañá o Hospital Veterinario HA no marco da celebración do seu 25º aniversario. Durante o percorrido, acompañada polos impulsores do proxecto, Ángel Romasanta e Adriana Méndez, coñeceu de preto as instalacións e interesouse pola súa colaboración con asociacións e outras entidades da cidade.

Alvarellos subliñou a importancia do traballo conxunto entre institucións públicas, asociacións protectoras e hospitais veterinarios para garantir o benestar animal e avanzar na sensibilización da sociedade: “A cooperación é fundamental para que Lugo continúe medrando na súa capacidade de protección dos animais, poñendo sempre o foco no traballo en rede e na investigación.” Ademais, Alvarellos puxo en valor que “cada ano, o Goberno local destina máis de 300.000 euros para apoiar o traballo de entidades fundamentais na protección dos animais e no control das colonias felinas.”

A rexedora destacou tamén a relevancia de proxectos como a Candaina Solidaria, unha iniciativa promovida por HA para apoiar a Protectora de Animais de Lugo e Michos de Lugo. “Estas accións solidarias, unidas ao compromiso de outros centros como o Rof Codina, demostran como a colaboración e a innovación poden transformar o coidado animal en beneficios sociais para toda a comunidade,” engadiu.

Os responsables do HA, Ángel Romasanta e Adriana Méndez, explicaron os retos que afrontan e os seus proxectos de futuro, baseados na mellora continua e no reforzo da colaboración co tecido asociativo. A alcaldesa rematou o acto destacando que Lugo conta cunha ampla rede de apoio, na que se integran tanto centros veterinarios públicos e privados como asociacións protectoras, que traballan xuntas por unha sociedade máis comprometida co benestar animal.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-visita-o-hospital-veterinario-ha-no-seu-25o-aniversario-e-destaca