Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos: “Temos que dar oportunidades á xente nova para seguir crecendo, tanto no eido económico como en fixar poboación”

Paula Alvarellos: “Temos que dar oportunidades á xente nova para seguir crecendo, tanto no eido económico como en fixar poboación”

A alcaldesa asistiu á apertura do Emprega-T Fest e destacou o traballo do Campus Terra e das administracións no obxectivo común de xerar emprego para reter o talento lucense.

A rexedora falou da importancia de iniciativas como a impulsada pola USC ou o Lugo Transforma, promovida polo Concello, para investir no desenvolvemento empresarial.

Se comprometeu a manter e redobrar os esforzos do Goberno local para incentivar o emprendemento co apoio que se presta desde o Cei Nodus e cos viveiros municipais.

  • Tema
    • Formación,
    • Emprego,
    • Fomento do emprego,
    • Emprendemento,
    • Novas tecnoloxías
Xoves, 19 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos: “Temos que dar oportunidades á xente nova para seguir crecendo, tanto no eido económico como en fixar poboación”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu esta mañá á inauguración do Emprega-T Fest, a xornada que servirá como punto de encontro das empresas co talento lucense, impulsada pola USC, a través do Campus Terra, coa colaboración do Concello de Lugo. A alcaldesa, acompañada pola concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, destacou na apertura desta xornada que “é necesario dar oportunidades á xente nova para seguir crecendo, tanto no eido económico, como para fixar poboación”, lembrando que hai uns meses Lugo conseguiu superar os 100.000 habitantes.

A rexedora falou da importancia de iniciativas que supón un empuxe para o desenvolvemento empresarial, como este Emprega-T Fest, impulsado pola USC, e de outros promovidos polo Concello como o Lugo Transforma, no que o Goberno local investiu 12 millóns de euros para favorecer a implantación de novas empresas en Lugo e a expansión e ampliación doutros proxectos de selo lucense.

Paula Alvarellos puxo en valor o traballo conxunto que fan todas as administracións “no obxectivo común de xerar emprego pero tamén de reter o talento lucense”, e neste seno puxo en valor o traballo que desde o Concello de Lugo leva desenvolvéndose hai vinte anos no Espazo Lab, o servizo de asesoramento e orientación laboral, ou nos viveiros de empresas do Cei Nodus e da Tinería, para promover o emprendemento, dun xeito moi especial, entre a xente nova.

Na súa intervención, a rexedora municipal tivo eloxios para o Campus Terra polo importante papel que desempeña na transformación de varios sectores e de xeito especial, no primario, e polo traballo que fai para xerar oportunidades de futuro para os seus alumnos e alumnas. Ademais de felicitar a USC como impulsora deste evento, fixo o propio coas Asociacións de Empresarios e as administracións que colaboraron na organización do Emprega-T Fest, e desexou que desta xornada xurdan moitas relacións laborais entre empresarios e futuros profesionais lucenses.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o Emprega-T Fest | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-temos-que-dar-oportunidades-xente-nova-para-seguir-crecendo-tanto-no-eido

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/190924_paula_alvarellos_emprega-t_fest.mp3