Paula Alvarellos recibe, a título póstumo, o Premio “Entre Mulleres”, en recoñecemento a súa loita e compromiso pola igualdade
O alcalde presidiu, xunto á edil de Muller, a entrega deste galardón nun salón de plenos que acolleu a familiares e a representantes das distintas institucións públicas.
Miguel Fernández puxo en valor a súa figura por “defender a igualdade non só con palabras, senón con actos ao logno de toda a súa traxectoria vital con responsabilidade social e tamén institucional”.
Ángeles Novo sinalou que a concesión deste galardón “foi froito dun acordo do Foro de Igualdade, para recoñecer o seu compromiso por un Lugo máis xusto e igualitario”.
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional,
- Benestar social,
- Cultura e Turismo,
- Igualdade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto á concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, presidiu o acto de entrega do Premio “Entre Mulleres”, a título póstumo, á Paula Alvarellos, en recoñecemento a súa loita e compromiso pola igualdade. Ao acto, celebrado no salón de plenos, acudiron familiares da rexedora para recibir este galardón, ademais dunha ampla representación das institucións provinciais y autonómica, da USC, e de concelleiros e concelleiras de todos os grupos da Corporación Municipal. Miguel Fernández eloxiou á figura da avogada e exrexidora por “defender sempre a igualdade non só con palabras senón con políticas públicas concretas e baixo a responsabilidade socia le institucional”.
Na súa intervención, Miguel Fernández agradeceu a presencia da familia da galardoada, e lembrou a súa implicación para coa igualdade ao longo de toda a súa traxectoria vital. Ademais, o alcalde fixo fincapé en que “Paula foi moito máis ca unha persoa comprometida con esta causa. Foi unha persoa profundamente implicada coa sociedade lucense, coa defensa das e dos máis vulnerables e cunha idea moi clara de servizo público. E hoxe, con este premio queremos recoñecer esa traxectoria a prol da igualdade e o seu legado”.
Durante o acto deste vixésimo segundo Premio “Entre Mulleres” deuse lectura á acta do Foro de Igualdade, celebrado o pasado mes de febreiro, no que se acordou a concesión deste galardón para distinguir a título póstumo a Paula Alvarellos Fondo, pola súa implicación e traballo a prol da igualdade, polo seu compromiso coa loita feminista e polo impacto que deixou na sociedade lucense.
Pola súa banda, a concelleira de Muller, igualdade e Inclusión destacou a “capacidade de Paula Alvarellos para sumar nesta loita social de todas e de todos, un traballo que exerceu con valentía e con sacrificio ata o último momento”. O acto rematou coa entrega dun ramo de flores aos familiares de Paula Alvarellos, da insignia do 8M de Mulleres con Forza e da figura de Rosalía de Sargadelos.
