Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Os veciños e veciñas da contorna de Fingoi interésanse polos Orzamentos Participativos

Os veciños e veciñas da contorna de Fingoi interésanse polos Orzamentos Participativos

Rosana Rielo achegouse ao centro de convivencia para explicarlle á veciñanza o procedemento de participación neste proceso, co que o Goberno quere implicar á cidadanía para que decida en que e en onde investir os orzamentos municipais

Tras esta reunión, o Goberno achegarase á Piringalla o vindeiro martes, 28 de agosto, ás 20:00 horas. A xuntanza será no centro de convivencia María Balteira

  • Tema
    • Orzamentos participativos
Martes, 21 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os veciños e veciñas da contorna de Fingoi interésanse polos Orzamentos Participativos

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, achegouse este martes ao Centro de Convivencia de Fingoi para explicarlle á veciñanza da contorna o procedemento dos Orzamentos Participativos, cos que o Goberno de Lugo quere implicar á cidadanía para que decida en que e en onde investir os orzamentos municipais. Deste xeito, serán os lugueses e luguesas os que determinen de forma directa o destino de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018.

Esta é a primeira fase dos orzamentos participativos, a recollida de propostas de diferentes investimentos de ata 15.000 euros, que estará aberta ata o 7 de setembro no Rexistro Xeral e ata o 9 de setembro a través da web loop.lugo.gal. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballos.

Tras esta segunda reunión, o Goberno achegarase á Piringalla o vindeiro martes, 28 de agosto, ás 20:00 horas. A reunión será no centro de convivencia María Balteira.

Este proceso de participación veciñal persegue tres obxectivos fundamentais:
o Fomentar a participación a través dun exercicio público transparente, procurando a maior participación veciñal posible, que permita a vinculación activa das e dos lucenses co desenvolvemento local do seu municipio.
o Promover que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e decisións, e que poida converterse en protagonista activa do que ocorre no seu municipio, tanto nas zonas urbanas coma nas rurais; afondando así na democracia participativa.
o Mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza, xerando espazos nos que achegar ideas que incentiven o consenso sobre a forma de como deben gastarse os recursos municipais, ao tempo que serve de instrumento para promover a solidariedade entre a cidadanía e os seus barrios.

Máis información en https://loop.lugo.gal/ [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/os-vecinos-e-vecinas-da-contorna-de-fingoi-interesanse-polos-orzamentos-participativos

Ligazóns:
[1] https://loop.lugo.gal/