Os veciños da Milagrosa fan as súas aportacións para mellorar o servizo do transporte público de viaxeiros
A Alcaldesa mantivo este luns no Centro de Convivencia da Milagrosa a segunda xuntanza aberta coa veciñanza para recoller as súas propostas e deseñar o novo mapa de liñas de buses urbanos
Ademais desta ferramenta de participación, os lucenses poden achegar propostas a través de moveteporlugo@concellodelugo.org [1], www.lugo.gal [2], ou do Servizo de Atención Cidadá 010
- Tema
- Alcaldía,
- Transporte,
- Buses urbanos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este luns a segunda xuntanza aberta coa veciñanza para recoller as súas propostas e deseñar así o novo mapa de liñas de buses urbanos. Nesta ocasión, a reunión tivo lugar no Centro de Convivencia da Milagrosa, a onde se achegaron unha vintena de persoas para facer as súas aportacións e recomendacións, propostas que terá en conta o Concello para mellorar o transporte público de viaxeiros e adaptalo á realidade social e económica da cidade, para facelo máis accesible aos usuarios.
Na reunión, á que tamén asistiu o voceiro municipal, Miguel Fernández, os participantes realizaron achegas relacionadas principalmente coa frecuencia horaria, a implantación dunha aplicación móbil para poder consultar horarios e itinerarios e a oferta de billetes aptos para transbordos.
O Concello puxo en marcha esta campaña para reorganizar de xeito global as liñas do bus urbano, aproveitando o novo contrato do transporte. Ademais desta ferramenta de participación, os lucenses poden achegar propostas a través do correo electrónico creado especificamente para esta campaña: moveteporlugo@concellodelugo.org [1], ou ben a través de www.lugo.gal [2], ou do Servizo de Atención Cidadá 010.
Tras a reunión deste luns na Milagrosa e a realizada a pasada semana no barrio da Abella, a Alcaldesa reunirase coa veciñanza dos barrios da Residencia, o vindeiro xoves, ás 20:30 horas, Sagrado Corazón, Fontiñas, Fingoi, A Piringalla e Garabolos; As Gándaras, A Ponte e o Ceao. O Concello informará puntualmente de todas as reunións na web www.lugo.gal [2] e nas redes sociais.