Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Os servizos municipais estudan as alegaciones coas que Urbaser se defende do expedente aberto polo Concello de Lugo

Os servizos municipais estudan as alegaciones coas que Urbaser se defende do expedente aberto polo Concello de Lugo

  • Tema
    • Urbanismo
Mércores, 02 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, comunicou hoxe que o Concello de Lugo está estudar as alegaciones formuladas pola empresa Urbaser contra a apertura do expedente sancionador e de caducidade da concesión.

A concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo presentou, o día 27, unha serie de alegacións nas que se defende do expedente que lle abriu o Concello de Lugo polo incumprimento dos servizos mínimos decretados con motivo da folga neste servizo.

“Como saben vostedes, nesa resolución se lle comunicou a apertura dun expedente sancionador por unha falta moi grave, que conleva unha sanción económica por importe de 6.000 a 30.000 euros e, por outra banda, o inicio do expedente de caducidade”, sinalou Luis Álvarez.

En resposta a esa comunicación, a empresa Urbaser presentou un escrito no que defende os seus intereses argumentando, literalmente, que “toda a plantilla se encontra en situación de absoluta rebeldía e desobediencia  total e que a lexislación española prohibe a contratación de novos empregados en período de folga” e, despois de facer un relato cronolóxico das distintas medidas que asegura ter adoptado para tentar o cumprimento dos servizos mínimos, para rematar as súas alegacións dicindo que “é necesario precisar que, se ben Urbaser ten coartada a súa capacidade de compeler ó plantel para o cumprimento dos servizos mínimos, está tentando garantir, por todos os medios posibles, a retirada de residuos daqueles puntos declarados en alerta sanitaria, como así o demostran os centos de toneladas de residuos que se recolleron dende o inicio da folga ata o día de hoxe “.

“O marco de actuación que ten o Concello é estritamente o establecido pola lexislación, como xa temos dito, polo que recurrimos a Tragsa para a retirada dos puntos que fixa Sanidade”, salientou Luis Álvarez e remarcou que “xa pasaron días dabondo para que as dúas partes se senten negociar e resolvan o conflito, do que somos perxudicados os veciños de Lugo”.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente tamén explicou que a diario estase retirando unha cantidade de lixo superior á que se recolle diariamente, xa que en situación normal a diario retíranse entre 90 e 100 toneladas e agora estanse recollendo, aproximadamente, de 120 a 130 toneladas ó día.  “Esto é importante para acabar coa cantidade de lixo que se foi acumulando durante os días nos que non houbo retirada”, explicou.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente destacou, asimesmo, que “o esforzo do Goberno municipal fai que, aínda que non estamos, nin de lonxe, nunha situación óptima,  o estado de Lugo non é, nin moito menos, o que tería unha cidade que leva 23 días sofrindo as consecuencias dunha folga na recollida do lixo”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/os-servizos-municipais-estudan-alegaciones-coas-que-urbaser-se-defende-do-expedente-aberto