Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Os participantes no obradoiro Cultur@Lvcvs organizarán actividades didácticas para os máis novos nos museos da cidade

Os participantes no obradoiro Cultur@Lvcvs organizarán actividades didácticas para os máis novos nos museos da cidade

Será unha das accións que desenvolverán os 23 beneficiarios deste novo programa de inserción laboral, que arranca a vindeira semana e remata en febreiro

Os beneficiarios mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado de traballo formándose en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas do Concello para impulsar o desenvolvemento socioeconómico de Lugo”

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Emprego
Xoves, 13 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os participantes no obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs [1] elaborarán un programa de actividades didácticas para os máis novos nos museos da cidade co fin de impulsar o seu coñecemento e valorización. Esta será unha das accións que desenvolverán os 23 beneficiarios deste novo programa de inserción laboral, que arrancará a semana que vén e rematará a finais do vindeiro mes de febreiro, segundo anunciou este xoves a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Durante seis meses, os alumnos-traballadores mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral recibindo formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas fundamentais do Concello para impulsar o crecemento socioeconómico de Lugo”, subliñou Prieto.

O obradoiro Cultur@Lvcvs [1] ten, deste xeito, tres especialidades formativas:

  • Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, con 8 alumnos, que organizarán un programa cuatrimestral de actividades didácticas e obradoiros para os máis novos –alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria- na Rede Municipal de Museos, e o soporte de ditas actividades (trípticos, cadernos didácticos e guías de centros)
  • Interpretación e Educación Ambiental, con 7 alumnos, que, entre outras actuacións, desenvolverán visitas guiadas polas rutas naturais no entorno do Miño e o rural lucense, con especial atención a aquelas relacionadas ao Camiño Primitivo da Santiago, e elaborarán guías con información sobre as principais características medioambientais de cada un dos itinerarios co obxectivo de poñer en valor estas zonas naturais e fomentar na cidadanía a necesidade de protexelas
  • Promoción Turística Local e Información ao Visitante, con 8 alumnos, que colaborarán nas tarefas de atención e asesoramento dos visitantes e residentes nas súas demandas de información e revisarán a información de interese sobre o entorno local para dar a coñecer o seu potencial turístico

Certificado profesional

Ao finalizar o obradoiro, os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O Concello de Lugo xa ten experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros, como foi o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs, que permitiron dixitalizar unha parte importante do patrimonio histórico e documental lucense.

Audio

  • A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, sobre o Cultur@ Lvcvs|Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/os-participantes-no-obradoiro-culturlvcvs-organizaran-actividades-didacticas-para-os-mais

Ligazóns:
[1] mailto:Cultur@Lvcvs
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/130815_accions_obradoiro_culturlvcvs.mp3