Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Os lucenses Virtua Tennis e Galician Army protagonizarán as dúas sesións vermú nas Caldas e no Coliving enmarcadas no Caudal Fest

Os lucenses Virtua Tennis e Galician Army protagonizarán as dúas sesións vermú nas Caldas e no Coliving enmarcadas no Caudal Fest

Con esta iniciativa o Goberno pretende incrementar o aproveitamento destes equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial.

O xoves 19 Virtua Tennis ofrecerá un concerto en directo no Coliving Artístico do Carme; mentres que o sábado 21, será a quenda dos DJs Galician Army nas Caldas do Miño.

Paula Alvarellos: “Estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística,
    • Programación cultural,
    • Música
Martes, 03 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os lucenses Virtua Tennis e Galician Army protagonizarán as dúas sesións vermú nas Caldas e no Coliving enmarcadas no Caudal Fest

Os lucenses Virtua Tennis e Galician Army protagonizarán as dúas sesións vermú que terán lugar no marco da programación do Caudal Fest nas Caldas do Miño e o Coliving Artístico do Carme. Así o avanzou este martes a rexedora, Paula Alvarellos, quen lembrou que “con esta iniciativa buscamos incrementar o aproveitamento destes dous equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial”.

O xoves 19 de setembro, a banda local Virtua Tennis ofrecerá un directo no novo espazo cultural do Carme, no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Mentres que o sábado 21 de setembro, nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos, o dúo de DJs Galician Army amenizará a sesión vermú con música electrónica.

Segundo a alcaldesa, estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares.

“Se ben a ubicación do Coliving Artístico Municipal e o espazo exterior co que conta ao seu arredor o configuran como un escenario fabuloso para celebrar espectáculos ao aire libre, achegando a música ao centro da cidade e axudando a revitalizar unha zona tan emblemática como a do Carme, as Caldas - moi próximas ao recinto do propio festival - nos ofrecen un recinto de relax marabilloso cuxa existencia queremos proxectar, tamén, como reclamo turístico”, abondou Paula Alvarellos.

“O obxectivo é divulgar a existencia de todos os recursos municipais e enchelos de vida aproveitando as datas do Caudal, ofertando unha programación lúdica de interese para a poboación pero tamén propiciando, á súa vez, a dinamización económica do municipio”, sinalou.

O Caudal Fest 2024, evento xa consolidado como a última gran festa do verán, terá lugar esa fin de semana. A edición deste ano contará con artistas de renome como Amaral, Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, entre outros.

Na convocatoria anterior, o Caudal Fest chegou a reunir a 37.567 persoas en Lugo, xerando un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e creando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos.

Estas cifras reforzan a aposta do Gobermo local pola industria cultural como un elemento dinamizador da economía da cidade. Por iso, para o Executivo de Paula Alvarellos, estas sesións vermú son un claro exemplo de como se poden utilizar os recursos existentes para atraer a un público diverso e fomentar a produtividade na contorna.

Nesta edición de Caudal Fest, a música chegará a máis recunchos de Lugo.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/os-lucenses-virtua-tennis-e-galician-army-protagonizaran-duas-sesions-vermu-nas-caldas-e-no