Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Os lucenses fomentarían o aumento da natalidade con máis servizos de escolas infantís gratuítas

Os lucenses fomentarían o aumento da natalidade con máis servizos de escolas infantís gratuítas

Xoves, 22 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os resultados obtidos na enquisa realizada polo Concello a través da páxina web municipal, para coñecer que medidas adoptarían os lucenses para fomentar o aumento da natalidade, sinalan que a creación de máis servizos de escolas infantís gratuítas é a medida máis apoiada.

O 32,10% dos participantes, con 131 votos, responderon á pregunta “Que medida adoptaría para fomentar o aumento da natalidade?” que construirían máis servizos de garderías gratuítos. A segunda opción máis votada é a de ampliar os permisos de maternidade e paternidade, que foi elexida por 120 lucenses, co 29,41% do total.

Un total de 89 participantes, co 21,81%, consideran que non é necesario fomentar o aumento da natalidade; e o 16,66%, con 68 votos, seleccionaron a opción de “Reducir a xornada laboral a 35 horas semanais”.

Nesta enquisa participaron 408 internautas e mantívose activa entre o 20 de xullo e o 1 de agosto. Ademais, recibiu a opinión de seis lucenses que destacan a necesidade de modificar as condicións laborais, tanto en materia de salarios como de horarios, para facilitar a conciliación da vida familiar.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/os-lucenses-fomentarian-o-aumento-da-natalidade-con-mais-servizos-de-escolas-infantis