Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Ofértanse máis de 1.300 prazas nos cursos de natación de nenos e adultos nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras

Ofértanse máis de 1.300 prazas nos cursos de natación de nenos e adultos nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras

Toda a información sobre horarios está dispoñible na páxina web do Concello: https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/cursos-de-natacion [1]

  • Tema
    • Deportes,
    • Natación,
    • Escolas deportivas,
    • Instalacións deportivas,
    • Infraestruturas
Luns, 05 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ofértanse máis de 1.300 prazas nos cursos de natación de nenos e adultos nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras

O Goberno de Lara Méndez a través da Concellería de Deportes, que dirixe Mauricio Repetto, retoma os cursos trimestrais de natación, nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras. “Un ano máis, o noso obxectivo é potenciar hábitos de vida saudable entre a poboación nunha actividade que sempre ten moito éxito”, sostivo o concelleiro.

O Concello oferta máis de 1.300 prazas, para adultos 744 prazas en Frigsa e 192 nas Pedreiras, e para os máis cativos, 270 e 128 respectivamente.

As persoas interesadas deberán realizar a solicitude a partir do 7 setembro na piscina na que desexen practicar natación. Unha vez pechada a inscrición, publicarase a lista de admitidos o día 14 e posteriormente, do 19 ao 22 de setembro, estará aberto o prazo de matrícula.

Todos os trámites de matriculación deberán facerse nas dependencias administrativas da piscina de Frigsa. Por último, o día 26 de setembro será o período de matriculación para os lucenses que quedaran en lista de espera en Frigsa e As Pedreiras.

O custe mensual dos cursos de natación para adultos será de 24,60 euros pola asistencia dous días á semana, mentres que para os nenos e nenas ascende a 18,40 euros ao mes. Os maiores de 65 aos, pola súa banda, pagarán 7,9 euros ao ano polas actividades de natación e ximnasia nun recibo único xa que volverán a ser de carácter anual.

As clases terán unha duración de 40 minutos, exceptuando os cursos dos mais pequenos que teñen unha duración de media hora.

O concelleiro Mauricio Repetto lembrou que “como é habitual, os nadadores terán á súa disposición monitores especializados que os guiarán e dirixirán durante ás súas sesións para o mellor aproveitamento dos cursos”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ofertanse-mais-de-1300-prazas-nos-cursos-de-natacion-de-nenos-e-adultos-nas-piscinas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/cursos-de-natacion