Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > As obras do Auditorio comezarán pola impermeabilización dos patios, onde se detectaron novos vicios ocultos da construción

As obras do Auditorio comezarán pola impermeabilización dos patios, onde se detectaron novos vicios ocultos da construción

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou hoxe as instalacións para coñecer cal será a planificación dos labores, que terán un prazo de execución de 4 meses.

As reparacións que cómpre acometer para poder abrir o edificio en condicións de seguridade terán un custo para as arcas municipais de 287.955 euros.

O arranxo, que xa comezou, abranguerá tanto as patoloxías estruturais exteriores como as interiores que afectan ao inmoble e tamén as deficiencias detectadas estes días.

O Concello engadirá as novas eivas aos informes cos que reclamará á Xunta que asuma o importe dos traballos por deixar caducar as garantías sen realizar as probas dos equipamentos nin o mantemento do edificio.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución
Martes, 17 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As obras do Auditorio comezarán pola impermeabilización dos patios, onde se detectaron novos vicios ocultos da construción

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, visitou hoxe o novo Auditorio para coñecer da man da empresa adxudicataria das obras, cal será a planificación dos traballos de subsanación das deficiencias coas que foi entregado.

Labores que permitirán ao Concello, unha vez finalizados, poder abrir a dotación cultural nas debidas condicións de seguridade para o público e que terán un custo para as arcas municipais de 287.955 €.

Deste xeito, a alcaldesa puido ver como xa se levaron a cabo os selados iniciais que precisa o inmoble, tarefas que tiveron que adiarse debido ás condicións meterolóxicas destes días e que continuarán pola impermeabilización dos patios da cuberta onde resulta máis urxente actuar.

“Precisamente na realización destes primeiros traballos os operarios detectaron a existencia de novos vicios ocultos da edificación, como por exemplo nos devanditos patios e mesmo tamén filtracións de auga na porta de entrada, dos que pasaremos a deixar constancia por escrito nos informes municipais para, posteriormente, reclamarlle o importe á Xunta”, engadiu.

“Non estamos dispostos a que os e as lucenses teñan que pagar dúas veces por esta dotación. Primeiro, eximindo ao Sergas do IBI dos centros sanitarios como contraprestación á instalación do equipamento e, agora, sufragando o seu arranxo porque deixaron caducar as garantías sen as correspondentes comprobacións”, sostivo Méndez.

Pola súa banda, a tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, recordou tamén que, entre as intervencións a realizar e para as que a empresa adxudicataria disporá dun prazo de catro meses, abranguerán tanto as patoloxías estruturais exteriores como as interiores que afectan ao inmoble – múltiples danos ocasionados pola humidade que están a afectar ás fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, etc - e que veñen derivadas de defectos construtivos e da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución do inmoble, en 2016, ata que foi entregado á Administración local.

As actuacións comprenden, así mesmo, a impermeabilización dos respiradoiros e o desatasco dos sumidoiros, canlóns e baixantes; se atallará a corrosión derivada das eivas que presentan as xuntas de dilatación e se arranxarán, entre outros, as comportas de saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios.

A este respecto, o Executivo local, lembrou que xa durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Documentos que non quixo recibir pero que se lle fixeron chegar igualmente facéndoos coñecedores da situación.

A Administración local iniciou entonces un proceso de avaliación das condicións nas que se atopaba a infraestrutura co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, ao tempo que puxo a punto as instalacións eléctricas, de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación.

Logo dos estudos realizados, nos que se cuantificaron máis de 200 danos, determinouse a necesidade de subsanar todas estas carencias para evitar, nun futuro, que tanto as lesións como a envergadura das reparacións se incrementara.

Finalmente, a edil de Gobernanza aclarou que, como xa fora anunciado, quedarán para unha segunda fase os traballos correspondentes á urbanización exterior do Auditorio, dentro dos que se inclúen máis aló do axardinamento da parcela – que xa estaba previsto – a modificación dos accesos para mellorar a accesibilidade ao inmoble enriquecendo os espazos con áreas estanciais dun alto valor paisaxístico para incrementar a funcionalidade cultural das instalacións e permitir un maior aproveitamento para concertos ou festivais ao aire libre.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o inicio das obras do Auditorio | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/obras-do-auditorio-comezaran-pola-impermeabilizacion-dos-patios-onde-se-detectaron-novos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/160123_paula_alvarellos_-_inicio_obras_auditorio.mp3