Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O xurado acorda deixar deserto o primeiro premio da XV Edición do certame de narración curta Ánxel Fole

O xurado acorda deixar deserto o primeiro premio da XV Edición do certame de narración curta Ánxel Fole

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Luns, 04 de marzo de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presidiu a reunión que celebrou esta tarde na Casa do Concello o xurado dos premios da XV edición do Certame de Narración Curta “Ánxel Fole”.

Logo das correspondentes deliberacións, o xurado acordou por unanimidade declarar deserto o primeiro premio do Certame.

O segundo premio, que está dotado con 1.000 euros, foille concedido, tamén por unanimidade, ó relato “Trasnoitar de nenos”, presentado co lema “Suadoiro”, de Ismael Ramos Castelo.

Ademais, o xurado acordou unanimemente outorgar o terceiro premio, dotado con 500 euros, ó relato “Campanas de Anllóns”, presentado co lema “Camiño norte”, de Xosé Farruco Graña Lama.

Ismael Ramos Castelo ten 19 anos e é veciño de Noia. Xosé Farruco Graña Lama usa o nome literario de Farruco Graña e é de Ribadeo.

O xurado desta XV edición do Certame de Narración Curta “Anxel Fole” estivo formado por Lupe Bao Reixa, Cristina Corral Soilán e Xerardo Quintiá Pérez. Como presidenta, con voz e sen voto, actuou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua e como secretario, o Coordinador de Publicacións do Concello de Lugo, Darío Xohán Cabana.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-xurado-acorda-deixar-deserto-o-primeiro-premio-da-xv-edicion-do-certame-de-narracion-curta