O +XTi 2026 impulsa a formación profesional da mocidade con cursos gratuítos en Albanelaría e Carnicería
A área de Xuventude oferta un curso homologado de Prevención de Riscos Laborais en Albanelaría e unha formación teórico-práctica en Carnicería e Charcutería.
As dúas propostas son gratuítas, con prazas limitadas, e diríxense preferentemente a mozas e mozos de 18 a 35 anos.
“O +XTi aposta por formación útil e con saída laboral real, adaptada ás demandas actuais do mercado de traballo”, destacou o edil Jorge Bustos.
- Tema
- Benestar social,
- Formación,
- Emprego,
- Xuventude,
- Programas xuvenís

O Concello de Lugo, a través da área de Xuventude e no marco do programa +XTi 2026, reforza a súa aposta pola empregabilidade xuvenil coa posta en marcha de dous cursos formativos gratuítos orientados a sectores con demanda profesional: Prevención de Riscos Laborais en Albanelaría e Carnicería e Charcutería.
“O noso compromiso é ofrecer oportunidades reais á mocidade lucense, facilitando o acceso a formación cualificada que mellore o seu perfil profesional e incremente as súas posibilidades de inserción laboral”, sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos. “Falamos de accións formativas que responden ás necesidades do tecido produtivo e que, ademais, son requisito indispensable ou valor engadido para traballar nestes sectores”.
O Curso de Prevención de Riscos Laborais en Albanelaría é unha formación teórica homologada que capacita para traballar en empresas de construción no posto de albanel, sendo unha esixencia xeral do sector. Organízase en dous grupos de 12 prazas cada un: o primeiro desenvolverase os días 6, 7, 13, 14 e 21 de marzo, e o segundo os días 10, 11, 17, 18 e 24 de abril. As sesións impartiranse os venres de 15:00 a 20:00 horas e os sábados de 09:00 a 14:00 horas nas instalacións de APEC Lugo (Praza do Campo, 2-3).
Pola súa banda, o Curso de Carnicería e Charcutería contará cunha duración de 60 horas teórico-prácticas e desenvolverase nos meses de marzo e abril, de luns a venres en horario de tarde. Esta actividade, tamén de balde, ofrece 10 prazas e está dirixida preferentemente a mozas e mozos de entre 18 e 35 anos, co obxectivo de proporcionar coñecementos técnicos específicos nun sector cunha demanda laboral estable e oportunidades de inserción profesional.
Ambas formacións están abertas á mocidade empadroada no Concello de Lugo e as prazas cubriranse por orde de inscrición ata completar o aforo dispoñible.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través da web lugomasxti.org, no teléfono 982 297 498 ou no correo electrónico habilitado polo programa.
“O +XTi continúa medrando como un programa que combina prevención, formación e acompañamento, ofrecendo á mocidade ferramentas concretas para construír o seu futuro profesional con máis garantías”, concluíu Jorge Bustos.
