Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Uxío Novoneyra acolle o programa Emprego e Saúde a través do Empoderamento, dirixido a mulleres de Lugo con discapacidade

O Uxío Novoneyra acolle o programa Emprego e Saúde a través do Empoderamento, dirixido a mulleres de Lugo con discapacidade

O Goberno local promove os cursos durante sete días de outubro, cunha metodoloxía lúdica e dinámica, dirixida a adquirir habilidades persoais, sociais e prelaborais.

A actividade abordará en seis módulos a saúde mental; a intelixencia emocional a través da arte; ximnasia adaptada; a meditación; o empoderamento e técnicas de emprego e TIC.

A concelleira Ángeles Novo sinala que “imos axudar ás mulleres con discapacidade a fortalecer a súa autoestima e as súas capacidades para acceder ao mercado laboral”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos,
    • Linguaxe sexista,
    • Violencia de xénero,
    • Inclusión
Martes, 08 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Uxío Novoneyra acolle o programa Emprego e Saúde a través do Empoderamento, dirixido a mulleres de Lugo con discapacidade

O centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra acollerá durante sete días deste mes de outubro o programa de Emprego e Saúde a través do Empoderamento, dirixido a mulleres con discapacidade, co obxectivo de que as participantes adquiran novas habilidades persoais, sociais e prelaborais. Para o seu desenvolvemento, a área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo contou coa colaboración de Acadar, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, encargada de deseñar a programación e de impartir os diferentes cursos. A concelleira de Muller, Ángeles Novo, fala da importancia deste tipo de iniciativas, coas que, sinala, “imos axudar ás mulleres con discapacidade a fortalecer a súa autoestima e as súas capacidades de cara a acceder ao mercado laboral”.

A área de Inclusión programa o desenvolvemento desta iniciativa os vindeiros días 14,15, 16,17, 21, 22 e 23 de outubro con outras tantas sesións dedicadas a diferentes metodoloxías e cursos, todos eles en horario de 10.00 a 13.00 horas, nas aulas do centro social Uxío Novoneyra. A actividade abordará en seis módulos a saúde mental; a intelixencia emocional a través da arte; a ximnasia adaptada; a meditación; o empoderamento e as técnicas de emprego e a utilización das novas tecnoloxías.

As dúas primeiras xornadas estarán dedicadas á saúde mental e a como afondar neste aspecto para controlar o estres e a ansiedade e promover o autocoidado. O 16 de outubro estará centrado na intelixencia emocional, como unha capacidade de comprender e manexar as emocións a través da arte. O seguinte curso, previsto para o día 17, abordará a ximnasia adaptada, unha actividade coa que se busca non só o benestar físico, senón tamén o mental e emocional, ao tempo que se promove a participación de actividades dentro dun grupo. Para este taller está programada unha sesión teórica e práctica de iniciación de ximnasia adaptada no centro ABFitness, a cargo do monitor Toni López Armenteros. 

A quinta sesión, prevista para o luns 21 de outubro, abordará diferentes ferramentas e prácticas alternativas como é a meditación e o mindfulness para lograr un maior benestar individual, mentres que o 22, o programa centrarase no arte, para a través da creatividade potenciar a autoestima e o empoderamento feminino. A sétima e última sesión, o día 23, tratará a situación real das mulleres con discapacidade no ámbito laboral, marcada polas claras desvantaxes que aínda sofren. Por este motivo, tal e como explica a concelleira Ángeles Novo, “nesta última actividade centrarémonos nas distintas ferramentas que poden axudar no proceso de busca dun posto de traballo, visitaranse diferentes portais, e afondarase nos medios e canles dispoñibles para a procura de emprego e o uso responsable das novas tecnoloxías”.

As mulleres interesadas en participar nalgúns destes cursos e actividades poden inscribirse no correo info@acadar.org [1] ou ben chamando ao número 673 142 212.

Audio

  • A concelleira de Muller, Ángeles Novo, sobre o emprego e a saúde das mulleres discapacitadas | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-uxio-novoneyra-acolle-o-programa-emprego-e-saude-traves-do-empoderamento-dirixido-mulleres

Ligazóns:
[1] mailto:info@acadar.org
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/081024_angeles_novo_emprego_e_saude_mulleres_discapacitadas.mp3