Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O programa de emerxencia social de Lugo será obxecto dun proxecto piloto de investigación que desenvolve a Uned de Sevilla

O programa de emerxencia social de Lugo será obxecto dun proxecto piloto de investigación que desenvolve a Uned de Sevilla

Esta iniciativa xorde froito dun convenio de colaboración co centro lucense da Universidade a Distancia.

Olga López mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia co alumnado e profesores que realizarán o estudo, cuxas conclusións estarán dispoñibles de cara á primavera de 2024.

“O informe resultante permitirá avaliar as fortalezas e ameazas do sistema municipal e valorar a capacidade de mellora que temos, potenciando aqueles aspectos nos que destacamos”, explicou a concelleira.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Centros sociais,
    • Desenvolvemento social,
    • Servizos sociais,
    • Desenvolvemento local
Martes, 21 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O programa de emerxencia social de Lugo será obxecto dun proxecto piloto de investigación que desenvolve a Uned de Sevilla

A concelleira de Benestar, Olga López, mantivo un encontro este martes por videoconferencia con profesores e alumnado do Grao en Traballo Social da Uned de Sevilla para presentarlles, de primeira man, o programa de emerxencia social do Concello de Lugo. Esta reunión enmárcase nun proxecto conxunto, froito do convenio de colaboración que manteñen a Uned de Lugo e a de Sevilla, polo cal o estudantado do centro sevillano realizará unha análise deste servizo municipal para detectar os puntos fortes e as posibles ameazas.

Neste senso, a edil explicou que “dende a Uned puxéronse en contacto con nós para interesarse polo programa, pois somos un Concello que durante os últimos anos, especialmente a raíz da pandemia, mantivemos o gasto en emerxencia social para atender situacións carenciais graves,  que requiren ser afrontadas, polo menos inicialmente, dende a achega económica directa á persoa solicitante da axuda”.

“Deste xeito, ofrecéronnos realizar unha unha avaliación externa e obxectiva da práctica do noso servizo de emerxencia municipal que nos vai servir para coñecer as súas fortalezas e debilidades, así como para valorar a capacidade de mellora que temos e tamén para potenciar aqueles aspectos nos que destacamos”, explicou Racamonde quen engadiu que “por suposto, as debilidades ou ameazas que teñamos trataremos de subsanalas e corrixilas, polo que vai a ser un documento que nos proporcione moita información e nos sirva de guía para o futuro”.

Para levar a cabo a avaliación, dende a concellería de Benestar Social facilitáronselles indicadores standar con datos prácticos do programa de emerxencia social municipal, como criterios de adxudicación, partidas, etc, previamente anonimizados e recompilados dende todas as Unidades de Traballo Social (UTS) do municipio. O alumnado levará a cabo o estudo e análise dos mesmos ao longo deste cuatrimestre e o informe coas conclusións estará dispoñible de cara á primavera de 2024.

O programa municipal de emerxencia social do Concello de Lugo ten como finalidade solucionar ou paliar as situacións de emerxencia social de persoas e/ou familias veciñas do municipio, afectadas por circunstancias valoradas polo traballador/a social como de “emerxencia social”, toda vez que estas situacións supoñen a existencia de eivas graves en aspectos básicos da vida cotiá que requiren ser afrontadas, polo menos inicialmente, dende a achega económica directa á persoa solicitante da axuda.

Así, trátase de axudas económicas de carácter urxente e extraordinario, destinadas a sufragar gastos específicos de carácter ordinario ou extraordinario coa finalidade de solucionar, paliar ou complementar situacións carenciais graves, imprevistas e/ou excepcionais, que requiren pola súa natureza dunha atención urxente na obtención de recursos económicos por parte das persoas e/ou unidades de convivencia.

Audio

  • A concelleira de Benestar, Olga López, sobre o estudo de emerxencia social | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-programa-de-emerxencia-social-de-lugo-sera-obxecto-dun-proxecto-piloto-de-investigacion-que

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/211123_olga_lopez.-_estudo_emerxencia_social.mp3