Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O obradoiro EmpregaTIC, que mellorará a inserción laboral de 15 lucenses desempregados no eido das TIC, arrincará a finais de setembro

O obradoiro EmpregaTIC, que mellorará a inserción laboral de 15 lucenses desempregados no eido das TIC, arrincará a finais de setembro

A Xunta de Goberno deu luz verde á execución deste obradoiro, que conta cun orzamento de 130.800 euros. As bases para a selección dos beneficiarios publicaranse ao longo desta semana en www.lugo.gal [1]

Na sesión deste mércores aprobouse a adxudicación do servizo do centro de día Antonio Gandoy por importe de 364.000 euros á empresa Innovación y Desarrollo Asistencial S.L.

  • Tema
    • Emprego,
    • Orientación laboral,
    • Fomento do emprego,
    • Novas tecnoloxías
Mércores, 27 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a execución do obradoiro de emprego denominado EmpregaTIC, grazas ao que 15 desempregados do Concello recibirán medio ano formación especializada no eido das TIC encamiñada a acadar un nivel adecuado de coñecementos para mellorar a súa inserción laboral. Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que se trata dun obradoiro que conta cun orzamento de 130.800 euros, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As bases para a selección dos dous docentes, o administrador e os 15 alumnos deste obradoiro, que segundo as previsións se desenvolverá etre o 26 de setembro e o 25 de marzo, publicaranse esta mesma semana na web do Concello, www.lugo.gal [1], así como no Taboleiro de Anuncios. Do mesmo xeito, pódense consultar chamando ao Servizo de Información Municipal 010. As persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás oficinas de emprego. Para elo, deberán estar inscritos no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto.

O obradoiro, mediante o cal o Concello pretende pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses, conta con dous módulos, Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais que se contemplan nas especialidades formativas a impartir no obradoiro atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de marketing, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo, que facilitaron mellorar a ocupabilidade de 70 persoas desempregada que contribuíron a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D.

Centro de Día Antonio Gandoy

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar o servizo do centro de Día Antonio Gandoy á empresa Innovación y Desarrollo Asistencial S.L., por un importe de 364.000 euros e unha duración dun ano.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a  Xunta de Goberno | Descargar MP3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-obradoiro-empregatic-que-mellorara-insercion-laboral-de-15-lucenses-desempregados-no-eido

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/270716_fernandez-xg.mp3